RADIO.- A playlist de Terio Carrera: Il 'gentleman' di sport

Pontevedra
24 de febreiro 2018

É un dos rostros máis coñecidos do xornalismo en Galicia, Terio Carrera, xornalista deportivo da TVG, acompaña a PontevedraViva Radio pola súa Playlist

Terio Carrera na Playlist de PontevedraViva Radio
Terio Carrera na Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Comeza esta Playlist con retranca, afirmando que o seu nome podería ser un chiste pero non o é: Terio Carrera Amil e engade que este 2018 pasará a ser "internacional sub 50". Defínese moi optimista, o cal se traduce en case toda a súa selección musical. Aínda que reitera sentirse "privilexiado na vida" engade que esta trae épocas boas e menos boas, por iso Terio trata de espremer a enerxía e positividade a cada día.

Recoñece, con todo en varios momentos desta charla en PontevedraViva Radio que: "choro con moita frecuencia"; pero seguro, ri con moitísima máis.

Un tipo xusto e honesto, que busca esas calidades e presume diso. Algo que lle dá a liberdade de ser si mesmo, dentro e fóra das cámaras. A súa intensidade vital e profesional levoulle a coñecer grandes nomes propios do ámbito deportivo e descubrimos tamén que do musical, como Loquillo.

Fala constantemente do seu pai, Eleuterio, ao que é evidente profesa gran admiración, como ao "avó Pepe". De feito, comezou a estudar Filoloxía porque "o meu pai era un británico de Ponteareas". A súa segunda casa está en Italia, que puido ser a primeira e roubar ao home e ao xornalista.

Fai o que lle gusta e faino desde pequeno, tan de pequeno que xa na infancia narraba os partidos que vía en televisión e os que se celebraban no colexio dos Jesuítas de Vigo, onde estudou. Sendo adolescente, con 15 anos, en Ponteareas, Radio Noroeste buscouno para comezar a súa futura profesión. En 1985 comezou na Radio Galega e dous anos despois marcha a Santiago para pasar á Televisión de Galicia. Unha oferta que lle deu moito medo e fíxolle deixar a radio con bágoas.

Á hora de practicar deporte, ha de ser colectivo e ten un elevado grao de competitividade recoñece. A súa gran paixón é o ciclismo, aínda que non sobe á bicicleta. Falamos do fútbol profesional, e é para enmarcar en calquera estadio as reflexións que deixa nesta Playlist.

Pai de tres mozas: Julia, Alicia e Valentina, son os motores deste "pai baboso". De feito o seu día perfecto é aquel en que non ten compromisos e pode gozar con e delas. Con elas e non se esquece da súa nai.

"Gentleman" ou "cavaliere" Terio Carrera, que todo siga como ata agora... como mínimo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora