Pedro Merino sube ata a terceira praza da Volta a Galicia tras a etapa raíña de Manzaneda

Pontevedra
19 de setembro 2015

Aitor González, triunfador do pasado ano, é o máximo favorito despois do triunfo na segunda etapa con final no alto de Manzaneda. Pero o Supermercados Froiz terá tamén unha baza importante, a de Pedro Merino que nesta etapa raíña logrou coroar o porto de montaña na terceira praza, a 25 segundos do novo líder

José Luis Mariño (esquerda) e Roberto Mediero durante a súa escapada na Volta a Galicia Federación Galega de Ciclismo

A última etapa da Volta a Galicia, con saída e chegada na cidade de Pontevedra, será decisiva para coñecer ao gañador da proba. Aitor González, triunfador do pasado ano, é o máximo favorito despois do triunfo na segunda etapa con final no alto de Manzaneda (Ourense). Pero o Supermercados Froiz terá tamén unha baza importante, a de Pedro Merino que nesta etapa raíña logrou coroar o porto de montaña na terceira praza, a 25 segundos do novo líder.

Os 140 quilómetros de percorrido pola provincia de Ourense, con saída na localidade de Esgos, non tiveron un instante de tregua. E nela, os ciclistas do equipo pontevedrés tiveron un protagonismo especial. Pasados os primeiros vinte quilómetros, os homes de Evaristo Portela comezaron a moverse. Primeiro intentouno Antonio Portela, pero despois José Luis Mariño lanzou un ataque en solitario que lle permitiu pasar en primeira posición por tres dos cinco portos de montaña da etapa.

A esta estratexia do Supermercados Froiz uniuse tamén Roberto Mediero preto do quilómetro 60 e pouco despois serían alcanzados por outros catro corredores. Todos eles chegaron a ter unha distancia de case tres minutos sobre o pelotón. Pero a dureza do traxecto pola Ribeira Sacra pasoulles factura e pouco a pouco foron perdendo terreo. 

Preto do inicio á subida a Manzaneda, David Francisco (Rimo Construcións Paulino) soltou de roda aos seus compañeiros de aventura e marchou en solitario. Pero a pesar de contar cun minuto de renda sobre o pelotón de quince corredores que o perseguía, foi atrapado a un quilómetro da meta por un Aitor González que marchara pouco tempo atrás do resto dos seus rivais. O vasco coroou a estación de esquí con 17 segundos de vantaxe sobre Jorge Martín Montenegro (Aluminios Cortizo).

En terceira praza cruzou a liña de meta Pedro Merino, a 25 segundos, a mesma distancia que o separa agora da camisola amarela de líder. Na xeral ocupa, tras estas dúas primeiras etapas, tamén a terceira posición. Miguel Gómez e Roberto Mediero, nos postos 11 e 16 respectivamente, están tamén entre os vinte primeiros desta Volta a Galicia.

A boa actuación do Supermercados Froiz nesta etapa permite aos pontevedreses situarse como o segundo mellor equipo da proba, a tan só sete segundos do primeiro, o Bicicletas Rodríguez-Extremadura. Ademais, José Luis Mariño logrou vestir a camisola verde, que identifica ao líder da clasificación da montaña.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora