Os penaltis castigan ao Poio Pescamar no primeiro duelo do play-off co Futsi Navalcarnero

Poio
06 de xuño 2026

O cadro conserveiro, que chegou a ir 0-2 por diante, empatou na cancha do Futsi (3-3) e caeu na quenda de penaltis (3-1) no primeiro partido da semifinal do play-off polo titulo

Oitavos de final da Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Futsi Atlético
Oitavos de final da Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Futsi Atlético / Cristina Saiz

Duro castigo para o Poio Pescamar no primeiro partido do play-off polo titulo de liga fronte o Futsi Atlético Navalcarnero.

O cadro conserveiro, que chegou a mandar por 0-2 a seis minutos do final, caeu nunha quenda de penaltis na que a falta de efectividade castigou ás poienses.

O cadro madrileño protagonizou as primeiras arremetidas cunha Irene Córdoba moi protagonista en ataque que obrigou a Elena a intervir para manter o empate no marcador.

As pupilas de Luís López-Tulla trataron de aguantar o ballón inicial até equilibrar as forzas co paso dos minutos.

E aínda que non foi fácil logralo, a presenza de Futsi na área poiense diminuíu aos poucos até permitir ao cadro conserveiro sacudirse os nervios iniciais para mirar de ti a ti ao equipo local.

A igualdade no xogo era máxima unha vez superado o ecuador do primeiro tempo, aínda que a alta intensidade propia dun partido deste calibre impúxose sobre as escasas ocasións por parte de ambas as escuadras.

O banco de Futsi Navalcarnero foi o primeiro en intervir cun tempo morto a oito minutos para o descanso.

Pouco despois produciuse a primeira polémica por un posible penalti para o conxunto madrileño por man de Débora Lavrador que non foi sinalada nin en primeira instancia nin tras a pertinente revisión solicitada polo cadro local.

Acelerouse o encontro no tres minutos finais do primeiro acto, pois Irene Córdoba tivo nos seus pés o gol nun man a man e Elena fíxose enorme para deter a ocasión.

Tamén viu a quinta falta o Poio Pescamar, que tivo que actuar con moita cautela en defensa para non conceder a oportunidade de adiantarse ao Futsi desde o dez metros. Ninguén logrou desnivelar a contenda nun frenético final e todo quedou por decidir para o segundo tempo.

Irene Córdoba quixo achegar o seu gran de area en favor do conxunto madrileño nada máis arrancar a segunda parte, pero Elena apareceu de novo para sacar unha man maxistral á madrileña e impedir o gol dun conxunto local que volveu inquietar cun disparo de Marian á madeira.

Resistiu á heróica o conxunto poiense grazas a súa gardameta Elena, que unha vez máis se vestiu de heroína para desbaratar unha ocasión clara de gol cunha man milagrosa baixo paus.

E chegou a calma tras a tempestade, pois Rafa Pato fíxose co balón no bordo da área, desfíxose do seu par cun xiro e bateu a Marta Balbuena cun duro disparo que puxo o 0-1 a trece minutos do final. Puido chegar o segundo pouco despois cun disparo de Èlia que esta vez se detivo a meta local.

O encontro púidose igualar pronto desde o punto de penalti despois de que Rafa Pato cometese a pena máxima por unha man na área. Con todo, Elena tiña outros plans. A meta conserveira levou a súa actuación ao seguinte nivel e detivo o lanzamento de María Sanz para soster ao seu equipo.

A mala noticia para o Poio Pescamar chegou a once minutos para a conclusión por unha lesión de Èlia no seu xeonllo esquerdo. A catalá tivo que saír en padiola do terreo de xogo e coa sensación de que a lesión podería ser de gravidade.

Xusto despois de que Carolina Pedreira fixese a quinta falta do seu equipo, a capitá Ale de Paz encargouse de achegar a vitoria cun gol a seis minutos para a conclusión. A de Neda recibiu un pase de Chuli en banda esquerda, gañou metros e fixo o 0-2 cun disparo de punteira imposible para Marta Balbuena.

De novo estivo contra as cordas o equipo de Luís López-Tulla por un penalti de Elena sobre Laura Córdoba. A pena foi dobre, pois a xogadora local caeu sobre o nocello dunha Carolina Pedreira que saíu da pista visiblemente dorida. Ari tomou a responsabilidade de lanzar e non perdoou a pena máxima. 1-2 no marcador a catro minutos para o final.

Atacou con porteira-xogadora o Futsi Navalcarnero e o gol do empate chegou da forma máis surrealista e cruel posible. Elena detivo un lanzamento de Laura Córdoba, tratou de sorprender cun golpeo desde a súa portaría e o balón deu no pé de Irene Córdoba, que trataba de tapar o disparo, coa mala sorte de que o rebote se coou na portaría poiense (2-2).

Puido chegar o gol da vitoria para o Poio nos segundos finais a través dun golpeo afastado de Carolina Pedreira que Marta Balbuena detivo co pé. O marcador non se moveu e o encontro chegou á prórroga tras unha dolorosa reacción do conxunto madrileño nos ùltimos minutos.

A inercia coa que terminou o segundo tempo trasladouse ao comezo da prórroga e Futsi fixo o 3-2 aos catorce segundos tras a continuación cun gol de Laura Córdoba. Ao Poio Pescamar non lle quedou máis remedio que apostar polo ataque de cinco con Ale de Paz como porteira xogadora.

Non puido haber mellor reacción posible, pois Carolina Bravo recolleu un balón morto no bordo da área para quitar as telarañas á escuadra dereita da portaría de Balbuena e pór o 3-3 no electrónico.

O encontro viuse abocado á quenda dos penaltis despois dun segundo tempo da prórroga sen grandes ocasións para ningún equipo.

Comezou lanzando o equipo conserveiro a través da capitá Ale de Paz e Marta Balbuena detivo o golpeo da galega. Mantívose a igualdade, pois Elena fixo o propio ao deter o lanzamento de Ari.

Cambiou de gardameta Futsi e Bea Parrón tamén detivo o lanzamento de Candela. Marian converteu para as locais e puxo o 1-0. Complicóuselle a quenda ao Poio Pescamar, pois Carolina Pedreira tirouno fóra e Laura Córdoba converteu para pór o 2-0. Quen non perdoou foi Carolina Bravo, que fixo o 2-1.

Laura Córdoba tivo nos seus pés o penalti decisivo e non perdoou cun disparo tan tenso como axustado para pór o definitivo 3-1.

Derrota do equipo de Luís López-Tulla no primeiro encontro da semifinal do play-off polo titulo e match ball para o Futsi Navalcarnero no segundo encontro que se disputará no Pavillón de A Seca.

Consulta a acta neste enlace.