O Poio Pescamar, xa clasificado matematicamente para o play-off polo título, cae da segunda praza tras empatar co Les Corts na Seca na penúltima xornada de liga (2-2). Este resultado deixa ao equipo conserveiro terceiro aínda que empatado a puntos co segundo clasificado, o Futsi Navalcarnero.
A noticia máis positiva do día chega co regreso de Miri, que volveu vestirse de curto tras trece meses apartada das pistas por unha grave lesión.
En canto ao partido, todo comezou segundo o previsto no pavillón da Seca: Presión alta das locais, primeiros avisos do equipo de Luís López-Tulla e un golazo da capitá Ale de Paz para inaugurar o marcador no minuto 4.
O conxunto catalán, que tiña a necesidade de puntuar para asegurar a súa permanencia, tratou de romper a presión dun cadro poiense cómodo e ben asentado sobre a pista.
Non pasaron demasiadas cousas ata que Rafa Pato decidiu pór o seu selo ao partido ao bordo do descanso cunha gran xogada individual que culminou cunha boa definición lonxe do alcance de Muni. 2-0 e encontro encarrilado, ou iso parecía.
E é que Les Corts meteuse de cheo no partido no minuto 31 cun golazo desde campo propio de Ona, que colleu desprevinda a Elena para facer o 2-1.
O gol sementou dúbidas no cadro conserveiro e Laura Torres aproveitouno para, un minuto despois, bater á meta local cun potente disparo que silenciou ao Pavillón da Seca (2-2).
Este resultado, que valía ás visitantes para lograr a permanencia, deixaba ao equipo poiense a expensas do que fixese o Futsi no seu encontro para manterse na segunda posición. Luís López-Tulla puxo toda a carne no asador co ataque de cinco e Rafa Pato rozou o gol da vitoria cun remate que se estrelou na madeira.
Non houbo tempo para máis. O Poio Pescamar asinou un empate que, debido á avultada vitoria do Futsi ante o Burela (1-12), deixa ás conserveiras na terceira posición con 63 puntos, os mesmos que o conxunto madrileño.
Aínda hai opcións de recuperar a segunda praza na última xornada: O cadro poiense, que visita ao FSF Castro, deberá mellorar o resultado do Futsi, que recibe en casa ao Melilla Torreblanca. O único seguro de certo é que o Poio disputará o play-off polo título de liga.
Consulta o acta neste enlace.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.