Pendentes da enfermaría no regreso aos adestramentos

Pontevedra
23 de novembro 2015

Kevin Presa non se exercitou cos seus compañeiros no primeiro adestramento da semana e convértese en dúbida para o próximo partido. Capi e sobre todo Tomás seguen con problemas físicos. O club pon a disposición dos afeccionados un autobús para apoiar ao equipo en Vigo

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

A volta aos adestramentos no Pontevedra Club de Fútbol estivo marcada este luns polos problemas físicos que arrastran varios dos seus futbolistas.

O empate conseguido en Xixón trouxo consigo varios lesionados na expedición granate.

O que máis preocupa é Kevin Presa, que acabou o partido con molestias musculares e no primeiro adestramento da semana exercitouse á marxe dos seus compañeiros.

Con todo as súas sensacións non son tan negativas como se pensaba nun principio e a súa participación en Vigo, aínda que é dubidosa, non está descartada e dependerá da evolución dos próximos días.

Tamén regresou tocado Pablo, que tivo que ser cambiado ante o Sporting B pero que adestrou este luns con normalidade.

Con todo non todo son malas noticias para Luisito, que comprobou en Príncipe Felipe a boa evolución de Jacobo, practicamente recuperado dos seus problemas musculares, e de Miki, que tamén se exercitou co resto do grupo.

O xogador que está descartado para o choque do sábado ante o Celta B é Tomás, que segue recuperándose da súa lesión de pube, mentres Capi, que iniciou o adestramento co grupo, segue a menor ritmo e terminou facendo carreira continua ao persistir as molestias que xa lle impediron viaxar a Asturias.

AUTOCAR DE AFECCIONADOS A VIGO

Pensando no partido do sábado (16:15 horas) no municipal vigués de Barreiro ante o Celta B, o Pontevedra anunciou que poñerá un autocar a disposición dos seus afeccionados para poder acudir ao encontro.

A viaxe terá un custo de cinco euros máis o prezo da entrada e sairá do Pavillón Municipal dos Deportes ás 15:00 horas do sábado.

Os interesados poden anotarse nas oficinas que o club ten en Pasarón en horario de oficina ata as 14:00 horas do próximos venres.