Pibe volve ao Pontevedra como segunda fichaxe invernal

Pontevedra
25 de xaneiro 2018

O atacante, que adoita xogar en banda, provén do Coruxo e será presentado este venres no Estadio Municipal de Pasarón. Será a súa segunda etapa como granate tras deixar o club en 2013 cando aínda era xuvenil

Pibe, no momento do seu debut co primeiro equipo en Pasarón, fronte ao Barbadás

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten á súa segunda fichaxe invernal, e trátase dun xogador que regresa á casa granate, Agustín Pastoriza 'Pibe'.

O atacante, que adoita actuar pegado ao costado, militaba actualmente no Coruxo, club no que afrontaba a súa segunda tempada.

Ás ordes de Rafa Sáez no club vigués disputou esta campaña 10 encontros, dous deles como titular, sen conseguir estrearse como goleador.

Pibe ocupará a praza sub-23 deixada libre por Bruno Rivada afrontando así a súa segunda etapa no Pontevedra, club que abandonou no ano 2013 cando aínda era xuvenil e tras debutar no primeiro equipo rumbo ás categorías inferiores do Real Betis.

A súa presentación terá lugar este venres ás 13:00 horas no Estadio Municipal de  Pasarón tras o adestramento previsto do primeiro plantel.