Con só 13 anos Pilar Garnelo pode presumir de ser medallista nacional de esgrima, na modalidade de sabre ou en torneos internacionais como o celebrado en marzo en Barcelona.
Estes resultados motivaron que a deportista da Escola Hungaresa de Esgrima fose recibida de maneira oficial este venres no Concello de Pontevedra, nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ademais do adestrador do club Adrián Cubela.
"Todos os deportistas da cidade nos fan sentir orgullosos, e queremos darlle un empuxe", sinalou o rexedor nunha recepción na que puxo o valor o traballo da Escola Hungaresa, un club que tutela a ao redor de 80 deportistas, case todos de base.
Garnelo explicou que o seu único desexo por agora pasa por "seguir mellorando" co seu paso á categoría cadete onde " hai xente máis potente e tamén máis alta", afirmou.
Pola súa banda o edil de Deportes avanzou que desde o goberno local "temos previsión de facer unha inversión para mellorar o pavillón onde adestran estes deportistas".