A pista deportiva do Piñeiriño será rehabilitada para mellorar a súa seguridade

O Salnés
24 de xuño 2026

A cancha presenta unha notable deterioración, con roturas, gretas e desniveis. O orzamento é de 48.400 euros e o prazo de execución de oito semanas

Casa do Concello de Vilagarcía Concello de Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía adxudicou á empresa Garocaprim a mellora da cancha deportiva do Piñeiriño.

A actuación ten un orzamento de 48.400 euros e o prazo de execución será de oito semanas a partir da firma do contrato.

A actuación centrarase no pavimento da zona deportiva situada xunto ao parque infantil, que presenta unha notable deterioración, con roturas, gretas e desniveis. Esta situación dificulta o seu uso e supón un risco de caída para os usuarios.

Os traballos executaranse mediante contratación externa, xa que o servizo municipal de Medio Ambiente, encargado do mantemento de parques e espazos naturais, non dispón da maquinaria necesaria para acometer esta intervención.

As obras consistirán no picado do actual solo de formigón, e material resultante será triturado e reutilizado como recheo para nivelar a superficie. O excedente trasladarase a un centro autorizado de tratamento de residuos.

Posteriormente, verterase a nova capa e executaranse as xuntas de dilatación para evitar que o pavimento se levante.

Desde o goberno local sinalan que esta actuación se suma a outras xa desenvolvidas en Ou Piñeiriño, como a mellora da accesibilidade en beirarrúas, a humanización da rúa Camilo José Cela ou o ensanche da rúa Fontecarmoa.