Pleno de triunfos para Arosa, Villalonga, Ribadumia e Céltiga

O Salnés
09 de xaneiro 2017

Importante pleno de vitorias o conseguido por Arosa, Villalonga (en casa), Ribadumia e Céltiga (a domicilio), que permiten aos primeiros pelexar pola zona alta, mentres Ribadumia aséntase na parte media da táboa e o Céltiga afasta os postos de perigo. Destacar a volta de Changui ás filas do Ribadumia, despois de tres meses apartado dos campos pola grave enfermidade sufrida

Sylla no partido entre Arosa e Bergantiños na Lomba
Sylla no partido entre Arosa e Bergantiños na Lomba / Arosa SC - Rubén Abal

Importante pleno de vitorias o conseguido por Arosa, Villalonga (en casa), Ribadumia e Céltiga (a domicilio), que permiten aos primeiros pelexar pola zona alta, mentres Ribadumia aséntase na parte media da táboa e o Céltiga afasta os postos de perigo. Destacar a volta de Changui ás filas do Ribadumia, despois de tres meses apartado dos campos pola grave enfermidade sufrida.

O Arosa tivo que remontar un marcador adverso fronte ao Choco, nun partido con dúas caras. No primeiro tempo os de Jorge Otero mostraron a súa peor versión, despois de comezar gañando, grazas a un gol de Sylla de cabeza, aproveitando un gran centro de Fran Matos, aos 18 minutos de partido, pero os seus graves erros defensivos permitiron ao cadro redondelano dar a volta ao marcador en apenas dous minutos.

Coa zaga local facendo augas, Comis e Diego Silva adiantaban aos visitantes, co Arosa reaccionando antes do descanso, para empatar o partido nunha xogada moi parecida á do primeiro gol, nesta ocasión con centro de Sylla e remate de Manu Justo, precisamente cando o Choco máis dominaba, desperdiciando claras oportunidades para resolver o partido.

O paso por vestiarios sentou ben ao equipo arlequinado, que pasou a dominar e daba a volta ao marcador a falta de 13 minutos, cun remate de cabeza de Rivas, nunha falta lateral botada por Xullo Rey. Con este resultado o Arosa recupera praza de play-off, aproveitando a derrota do seu próximo rival, o Cerceda, no Barco.

Consulta aquí o acta do Arosa-Choco.

Segue en alza o Villalonga que deu boa conta en San Pedro do Racing Villlabés, ao que afasta do liderado ao mesmo tempo que os celestes se levantan ao sexto posto, confirmándose como unha das revelacións da tempada.

Os de Antonio conseguiron maniatar ao equipo de Óscar Gilsanz, ao que apenas concederon opcións de inquietar a meta defendida por Iván Parada, tanto que a única ocasión visitante chegaría no desconto e co partido sentenciado.

Javi Pazos abría o marcador para os locais, aos 24 minutos, e Ramilo pechaba a conta no último minuto, levando a tranquilidade ás bancadas de San Pedro, desde as que os afeccionados despediron aos seus cunha gran ovación.

Consulta aquí o acta do Villalonga-Racing Villalbés.

Era unha partido trampa para o Ribadumia, que visitaba o campo dun necesitado Dubra e atopouse cun cesped alto e lento que non favorecía en nada as características dos de Sierra de tentar xogar o balón, fronte a un rival máis físico. A pesar diso os da Senra lograron dar a volta a un marcador que se lles puxo costa arriba aos 20 minutos, con dous goles ao final do primeiro tempo e comezo do segundo.

Era ademais un partido emotivo, por canto supoñía o regreso aos campos despois de tres meses de ausencia do veterano Changui, que achegou ao equipo aurinegro máis confianza que xogo.

Eloy adiantaba aos locais, pero Miguel Vázquez conseguía empatar pouco antes do descanso.

Nada máis renovarse o xogo Anxo facía o segundo para un Ribadumia que, sen o balón, sufriu ata o final, pero soubo aguantar e sentenciar cun terceiro tanto, obra de Fran Fandiño, na recta final do partido.

Consulta aquí o acta do Dubra-Ribadumia.

Triunfo importantísimo do Céltiga sobre un rival directo como As Pontes no sempre complicado campo do Poboado. Segunda vitoria consecutiva e de novo co coreano Yun como protagonista, anotando o gol do triunfo branquivermello no último minuto do primeiro tempo, ao aproveitar un rexeite tras un lanzamento de esquina.

O conxunto local dominou apelando a un fútbol directo, pero o Céltiga aguantou sen problemas, e mesmo dispuxo de oportunidades á contra para lograr un resultado máis amplo.

Consulta aquí o acta do As Pontes-Céltiga.