Poio Pescamar apunta alto e logra a fichaxe da máxima goleadora de primeira división, Iria Saeta

Poio
24 de xuño 2017

Internacional con España en máis de 30 ocasións, Iria Saeta únese a un equipo que terá nas súas filas a xogadoras de enorme talla como Silvia Aguete, Ceci, Ale de Paz, Charo ou Jenny Lores, entre outras, nun plantel no que aínda pode haber algunha novidade importante máis.

Iria Saeta (dereita) durante un partido entre Poio Pescamar e Cidade de As Burgas na Seca
Iria Saeta (dereita) durante un partido entre Poio Pescamar e Cidade de As Burgas na Seca / Diego Torrado

Despois de culminar a mellor tempada da súa historia, cun sexto posto e o título de campión da Copa Xunta, o Poio Pescamar quere seguir crecendo e a intención do club que preside Juanjo García é aspirar a todo.

Sen présa, pero sen pausa, o presidente do Poio Pescamar púxose ao choio para dar ao seu técnico, Marcio Santos, un plantel que lle permita mesmo loitar polo título e a primeira pedra acaba de conseguila cunha fichaxe soada ao incorporar ás súas filas a Iria Saeta, xogadora internacional que procede do Cidade de As Burgas, e que nas dúas últimas tempadas proclamouse máxima goleadora da Primeira División (a última logrando nada menos que 38 goles).

A xogadora ourensá abandona así o Cidade das Burgas, no que naceu e creceu como xogadora, permanecendo no club verdibranco durante dez tempadas.

A falta do anuncio oficial por parte do club "rojillo" a xogadora que pode ocupar os postos de á ou pivote, despediuse xa do club ourensán a través das redes sociais, recoñecendo aos seus íntimos que chegara a un acordo co Poio, xa que lle facilitaba as súas aspiracións de seguir crecendo como xogadora para poder conseguir títulos.

Internacional con España en máis de 30 ocasións, Iria Saeta únese a un equipo que terá nas súas filas a xogadoras de enorme talla como Silvia Aguete, Ceci, Ale de Paz, Charo ou Jenny Lores, entre outras, nun plantel no que aínda pode haber algunha novidade importante máis.