O Poio Pescamar continúa invicto esta tempada tras obrar unha auténtica remontada ante o Móstoles.
O conxunto vermello chegou a ir perdendo 3-1, pero unha moi boa recta final valeulle para superar as madrileñas por 4-6 e sumar outro tres puntos que o manteñen na segunda praza da clasificación.
A emoción estivo servida desde o inicio do enfrontamento, marcado sen dúbida polas numerosas ocasións e, ao final, tamén pola choiva de goles.
O primeiro chegou aos tres minutos tras unha gran xogada do conxunto madrileño que Clau Gómez finalizou cun disparo cruzado para bater a Elena.
O Poio Pescamar tratou de responder ao momento, pero Zaide Pérez non logrou rematar un balón desde a dereita.
Aos oito minutos, Silvia baixo paus evitou o empate visitante tras unha gran xogada de Débora Lavrador e, pouco despois, viuse obrigada a realizar dúas paradas clave a Rafa Pato para evitar o gol do empate.
Clau Gómez continuou moi activa en tarefas ofensivas, pero era o conxunto vermello o que gozaba das mellores ocasións. As máis claras, un disparo de Chuli tras recibir de costas á portaría, que se foi desviado por pouco e outro de Ale de Paz que desviou a defensa.
Alcanzouse entón a recta final do primeiro tempo e a emoción continuou. Irene estivo a punto de facer o segundo para o Móstoles, pero en lugar diso, chegou o gol do empate. Xogada individual de Rafa Pato pola esquerda, puxo o centro cara a Élia e a tarraconense anotou o 1-1.
O Poio Pescamar cargouse con cinco faltas e viuse penalizado cun dobre penalti que Claudia, cun disparo potentísimo desde os 10 metros, converteu no 2-1.
A 25 segundos de finalizar a primeira parte, un saque de esquina mal sacado polo Poio Pescamar permitiu a Benete iniciar unha contra que finalizou no 3-1. O equipo conserveiro non baixou os brazos e a tres segundos para o descanso Martita finalizou unha combinación con Débora Lavrador anotando o 3-2.
A segunda parte foi un constante asedio das visitantes, que atoparon recompensa no minuto 23. Rafa Pato asistiu a Zaide Pérez, quen aproveitou o balón solto pola defensa para empatar a tres.
Con todo, a alegría duroulle moi pouco ao conxunto vermello, que volveu ver como o partido se puña costa arriba tan só dous minutos despois tras un roubo de Clau Gómez a Débora Lavrador en campo rival que a xogadora local converteu no 4-3.
Apostou López-Tulla por un ataque de cinco con Carolina Pedreira como porteira-xogadora en busca dunha remonta que non tardou en materializarse. A portuguesa, asistida por Ale de Paz, fixo o 4-4, e a capitá, a dous minutos para a conclusión, sacou un potentísimo disparo desde fóra da área que tranformó no gol da remonta para o Poio Pescamar.
O Móstoles, vendo que a vitoria se lle escapaba no último instante, optou por atacar con Irene García como porteira-xogadora para xerar superioridade, pero Elena, desde a súa propia portaría, aproveitou que todas as xogadoras locais estaban envorcadas en ataque para pegarlle directo desde a súa área e anotar o 4-6 que pechou o partido.
Consulta a acta neste enlace