Sen tempo para pensar en senllas eliminacións para a fase final da Copa da Raíña, Poio Pescamar e Marín Futsal afrontan este sábado unha nova xornada de liga ante rivais complicados.
As vermellas serán as encargadas de abrir a fin de semana cun duelo de máxima esixencia, visitando o terceiro clasificado, o Roldán, a partir das 11:00 horas. O encontro será retransmitido por Teledeporte e será a primeira vez que emita en directo un partido de Primeira División feminina de fútbol sala.
Ambos os dous conxuntos queren lamber as feridas da Copa e "pasar o loito", algo "imprescindible para afrontar outro durísimo partido no que tentaremos gañar por terceira vez seguida en liga e poñernos con 15 puntos, a un do propio rival", explicou a porteira conserveira Sandra Buzón.
Para conseguir a vitoria, o Poio Pescamar tentará aproveitar o bo estado de forma en que se atopan Laura Uña e Saki, que enlazan tres partidos consecutivos marcando.
No caso do Roldán, mantense invicto no seu feudo con tres de tres triunfos, suma tamén dous triunfos seguidos en liga e é o equipo menos goleado con 9 tantos recibidos.
As marinenses, pola súa banda, enfrontaranse ao FSF Castro Bloques Cando (17:00 horas, A Raña), equipo que se estrea Primeira Division esta campaña e que se está labrando a etiqueta de equipo revelación.
Cos seus 8 puntos en liga, leva varias xornadas afastado da zona de descenso e vive un momento doce que se traduce no seu éxito copeiro ao eliminar o pasado mércores ao Ourense Ontime endosándolle seis tantos.
O Marín Futsal, en cambio, non termina de carburar e só suma catro puntos, polo que tentará minimizar os erros e lograr o obxectivo de gañar, que lle daría osíxeno para afastarse dos postos delicados.
Á cita non faltarán as habituais Patri Arruti e Ana Pinto como porteiras, xunto a Café, Adri, María Estevez, Inés Mayan, Débora Lavrador, Carol Pedreira, Carolina Bravo, Ana Cunha, Lysa Gómes, Mayara de Almeida e Lucía Serrano.
No bando lucense, pola súa banda, destaca a chegada da portuguesa Jenny, procedente do Burela, ademais de Dani Sousa, tras a súa etapa no Poio Pescamar, Anita Ontiveros, as brasileiras Jeni Souza e Tete, a ex marinense Lucía Paz, e algunhas das artífices do ascenso da pasada campaña como Vero, Patri Corral, Área, Antia, Luisa Mayara, ou Ra.