Non lle acaban de saír as cousas ao Marín Futsal esta tempada. O conxunto marinense aspiraba este sábado na Raña a conseguir fronte a un rival directo como o FSF Castro un triunfo que lle permitise afastarse da zona baixa da clasificación. Non o logrou, e tivo que conformarse finalmente cun empate (3-3) que, visto o visto sobre a cancha, é un mal menor ao poder remontar dous tantos de desvantaxe nos minutos finais.
Patri Corral adiantou as visitantes xa no segundo minuto de xogo, neutralizando o golpe pouco despois Café co 1-1.
O duelo igualábase co paso dos minutos, ata que Lucía Paz volvía poñer en vantaxe o Castro no minuto 16.
Tras o descanso Tete ampliaba o marcador co 1-3 que poñía moi costa arriba xa o partido para o Marín Futsal, pero cando estaba máis difícil o puntuar o conxunto adestrado por Ramiro Díaz reaccionou con goles de Carolina Bravo e Debora Lavrador nos minutos 32 e 34 para facer o 3-3 final.
Con este empate o Marín Futsal suma 5 puntos en liga e segue ancorado na zona perigosa da clasificación.