O Poio Pescamar non poderá defender o seu título de campión da Copa Galicia de Fútbol sala, e tampouco o Marín Futsal pelexará pola competición que se lle escapou hai un ano na gran final.
Non haberá por tanto esta tempada 'Derbi da Ría' no partido decisivo por este título autonómico porque ambos os dous equipos se despediron este martes das súas opcións ao caer nas semifinais.
Por unha banda o vixente campión non puido superar o FSF Castro, equipo da máxima categoría, ao caer por un claro 4-1 en terras lucenses.
Foron dúas ex-xogadoras vermellas as que puxeron moi difícil a eliminatoria. Luisa Mayara no minuto 9 e Dani Sousa no 14 puñan en vantaxe ao Castro nun primeiro tempo de cor local.
Élia reduciu distancias no ecuador do segundo acto mantendo o conxunto conserveiro con opcións ata que nos instantes finais de novo Dani Sousa e Camila Costa puñan o definitivo 4-1 no marcador.
Tampouco puido superar a súa semifinal o Marín Futsal, neste caso no pavillón da Raña pero ante un temible rival como o Burela, que hai apenas uns días endosáralle unha goleada en liga.
Nesta ocasión o resultado foi de 1-4, nun duelo que o cadro visitante encarrilou na primeira metade.
Marcaron Patricia, Emily e Cris Lourés para pór momentaneamente o 0-3, recortando ao fío do descanso o Marín Futsal cun tanto de Gi Portes e xogando de cinco.
Ese gol animou a seguir apostando por usar porteira-xogadora ao comezo do sgeundo tempo, pero resistiu o Burela e cando tivo ocasión Dany Domingos redondeou o marcador co gol final.