Segunda derrota consecutiva para o equipo de Luís López-Tulla, que atravesa un momento complicado tras perder ante outro rival directo como é o Futsi Navalcarnero. O conxunto madrileño supera na clasificación ao Poio, que xa é cuarto con 37 puntos.
Do mesmo xeito que na xornada pasada contra o Melilla, o Poio Pescamar tivo que remar co vento en contra tras recibir o primeiro gol no minuto dous de partido. Irene Córdoba recibiu de costas e deixou soa a Mariam cun pase maxistral. A xogadora do Futsi bateu a Elena cun potente e axustado golpeo.
A pesar de que o cadro poiense soubo reaccionar, a férrea defensa do Navalcarnero impediu ás xogadoras do cadro rojillo devolver a igualdade no marcador.
As metas locais Marta Balbuena e Beatriz, que se alternaron ao longo do encontro, non tiveron un papel fundamental para mandar o partido con 1-0 ao descanso.
O resultado non lle valía ao cadro conserveiro, que mantivo o guión de monopolizar a posesión aínda que sen lograr penetrar por completo á defensa local.
Encamiñouse o partido aos seus últimos minutos con todo por decidir grazas, en parte, a unha gran intervención de Elena no minuto 30. A meta do Poio aguantou no man a man a Irene Córdoba e repeleu o seu disparo cun pé maxistral.
Luís López-Tulla puxo toda a carne no asador a falta de catro minutos para o final e o Poio atacou de cinco con Carolina Pedreira como porteira xogadora. Con todo, a moeda saíu cruz.
Martita arriscou cun pase interior que Marta Balbuena atrapou. Sen pensalo, a meta do conxunto madrileño disparou desde a súa propia portaría para sentenciar un partido ao que só lle restaban dous minutos.
Segunda derrota e segundo partido consecutivo sen ver porta para o Poio Pescamar, que caeu cun definitivo 2-0 nun encontro espeso e sen grandes ocasións. O equipo poiense é cuarto con 37 puntos e recibirá ao Móstoles na próxima xornada.
Consulta o acta nesta ligazón
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.