O Poio Pescamar programa dous amigables durante o parón polo Mundial

Poio
06 de novembro 2025
Actualizado: 17:39

O conxunto conserveiro, coa metade do seu plantel convocado polas súas seleccións para o Campionato do Mundo, encara máis dun mes sen competición

Adestramento do Poio Pescamar 25-26

Máis dun mes vai estar sen competir o Poio Pescamar ante o que é o primeiro Campionato do Mundo FIFA da historia do fútbol sala feminino.

A cita mundialista, que comeza o próximo 21 de novembro en Filipinas, provocou o parón da Primeira División nacional na que milita o conxunto conserveiro.

As xogadoras vermellas chegaron ao mesmo ademais tras un gran inicio de curso, como único equipo invicto e na segunda posición do campionato ligueiro, a 3 puntos do líder Melilla.

O equipo da cidade autónoma será precisamente o primeiro rival cando regrese a liga, a domicilio, o próximo 13 de decembro.

Mentres tanto Luís López-Tulla seguirá afinando a preparación do seu equipo, aínda que o fará coa metade do seu plantel ausente polo Mundial, xa que sete das súas futbolistas foron convocadas polas súas respectivas seleccións: A gardameta Elena, Noelia Montoro, Ale de Paz e Martita defenderán a España se pasan o último corte na Selección, Carolina Pedreira e Débora Lavrador viaxarán a Filipinas con Portugal e Rafa Pato farao con Italia.

O resto do equipo seguirá adestrando na casa, aínda que se lles deu uns días de descanso ás xogadoras, que non volverán exercitarse até o 12 de novembro.

Durante este tempo, e para non perder a forma, o Poio Pescamar confirmou que disputará dous encontros amigables.

O primeiro deles terá lugar o 20 de novembro na pista do Ourense Ontime (20.00 horas).

Pola súa banda unha semana despois, o 27 de novembro, o rival será o Burela nun partido que se disputará no pavillón da Seca (18.00 horas).