O equipo de Luís López-Tulla retomou a liga con vitoria ante o Guadalcacín (4-1) tras o parón pola Copa da Raíña, competición que se saldou cunha polémica eliminación do Poio Pescamar ante o Melilla en semifinais.
En canto ao encontro deste domingo, as conserveiras lograron a súa oitava vitoria consecutiva en liga nun encontro que se desnivelou no segundo tempo.
Comezou mandando no marcador o cadro conserveiro cun gol en propia porta de Lorrana Dias, pero Rocío Molina apareceu para devolver a igualdade a dous minutos do descanso.
O técnico local solicitou entón tempo morto para preparar unha xogada de lousa que se materializou en gol de Chuli tras a reanudación. Vantaxe de novo para o Poio Pescamar na finalización dos primeiros 20 minutos (2-1).
Tratou de empatar o partido o conxunto xerezano nun segundo tempo que serviu para que o cadro poiense ampliase a súa vantaxe nos últimos minutos.
En primeiro lugar apareceu Carolina Bravo, que recibiu o balón tras un saque de esquina e golpeou de primeiras para bater a meta visitante (3-1). Restaban dez minutos para a conclusión.
Nin con ataque de cinco do Guadalcacín pasou apuros o equipo de Luís López-Tulla, que sentenciou o choque a tres minutos do final. Foi Carolina Pedreira quen, tras asociarse con Débora Lavrador, puxo o definitivo 4-1 no electrónico.
Manexou ben a situación en defensa o Poio Pescamar, que tivo especial coidado de non cometer a sexta falta tras disputar os minutos finais co aviso das cinco infraccións.
Concluíu o encontro sen maior dificultade e os tres puntos quedaron no Municipal da Seca. Xa só restan tres xornadas de competición regular para un cadro conserveiro que é segundo na táboa e que ten asegurada de forma matemática a súa presenza no play-off polo título.
O Poio visitará o Ceuta no vindeiro sábado ás 11:00 para disputar a antepenúltima xornada de liga.
Consulta a acta neste enlace.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.