O Concello de Poio reparte este ano un total de 33.600 euros a 22 clubs, entidades deportivas e deportistas individuais do municipio co fin de financiar os custos económicos das súas participacións en competicións de caracter federado.
Estes fondos repártense a través de subvencións e son outorgados por correspondencia competitiva e de forma transparente, obxectiva e equitativa.
O programa divídese en tres liñas de subvencións destinadas para clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima dun ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.
A dotación para a primeira liña é de 28.500 euros e os seus beneficiarios son: Poio Bike Club, Club Poio Fútbol sala, Escola de Piragüismo Poio, Club Atlético Combarro, Balonmán Poio-Artai, Club Ciclismo Tríatlon Poio, Club Saraiba ED Poio, Club Reserpón-Suinpo FS, Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña e Club Deportivo Grupo 7 a 9.
En canto á segunda liña correspondente a deportistas individuais, a cantidade a repartir é de 3.750 euros destinados a: Lola Ferro Guiance, Lorena Nieto Pérez, Antonio Castiñeira Ucha, Óscar Viñas Pazos, Carla García Vicente, Sabela Martínez Peón, Carolina Santos Villalón, Emilio Cochón Alonso e Cristian Fernández Nieto.
Por último están os clubs de fútbol de categorías veteranas aos que se reparten 1.350 euros: Poio Bar Monterrei, Club Sporting Campelo e Alt. Pena Racing.
Desde o goberno local aclaran que estas axudas son compatibles con outras subvencións ou ingresos procedentes doutras entidades públicas ou privadas.
Doutra banda explican que se poderán utilizar para sufragar gastos como licenzas federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, mantemento e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs.
Todos eles correspondentes á tempada que abarque entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, remarca que "estas axudas son unha ferramenta fundamental para apoiar o tecido deportivo local e recoñecer o esforzo dos clubs e deportistas que levan o nome de Poio dentro e fóra de Galicia".
Doutra banda explica que, ademais destas axudas, o Concello repartiu o pasado curso 73.000 euros entre doce clubs para colaborar co desenvolvemento das escolas deportivas municipais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.