O espírito do Nadal tinguiu Ponte Caldelas durante a tarde deste sábado 13 de decembro coa celebración da súa primeira San Silvestre.
A cita, organizada polo Concello e o Atletismo Rías Baixas, combinou deporte e diversión nunha xornada que reuniu a un numeroso grupo de participantes de todas as idades, quen gozaron dun percorrido de 2 quilómetros pensado para todos os públicos.
Aínda que o evento arrincou ás 17.30 horas, desde as 16:00 a Alameda comezou a encherse de corredores e familias disfrazadas que acudiron a recoller os seus dorsais.
Antes do prato forte, os máis pequenos foron os protagonistas coas carreiras infantís.
A organización premiou os disfraces máis orixinais, tanto en categoría individual como por grupos, así como aos gañadores da carreira.

Tras cruzar a meta, corredores e público gozaron dunha chocolatada con churros para repor forzas e pechar xuntos a xornada.