Ponte1Reto completa o seu desafío máis especial

Pontevedra
10 de setembro 2018

O equipo pontevedrés completou os 310 quilómetros que separan Porto e Santiago dentro da súa campaña de captación de fondos para a Asociación Amencer. Fixérono ademais coa visita por sorpresa dun dos seus compañeiros, Juan Hernández, que se recupera dunha importante lesión medular sufrida tras unha caída

Juan Hernández visita aos seus compañeiros de Ponte1Reto na súa ruta entre Porto e Santiago
Juan Hernández visita aos seus compañeiros de Ponte1Reto na súa ruta entre Porto e Santiago / Fly Over Audiovisuals

Non era o desafío máis complicado de cantos afrontaron nos últimos anos, pero pode que fose o máis emotivo. 

O equipo Ponte1Reto completou este domingo os 310 quilómetros que separan Porto e Santiago de Compostela dentro da súa campaña de recadación de fondos para adquirir unha bicicleta adaptada para a Asociación  Amencer.

Unha vintena de ciclistas tomaron parte desde as 16:00 horas do sábado no reto, concretamente desde Oliveira de Azimeis, lugar de saída, para continuar polo Camiño Portugués ata Compostela pasando por Porto, Esponsede, Viana do Castelo, Caminha, Valença, Tui, Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas, Padrón e Santiago.

O que non esperaban os deportistas de Ponte1Reto era a visita que ían recibir ao seu paso por Pontevedra, onde un dos seus integrantes, ao que todos tiñan nos seus pensamentos, acudiu a saudalos.

Ese integrante era Juan Hernández, membro do equipo e que se recupera dunha importante lesión medular sufrida como consecuencia dunha dura caída. Juan recibiu permiso para abandonar por unhas horas o hospital onde se está a recuperar e non dubidou en achegarse a animar aos seus amigos e compañeiros de aventuras.

Todo un exemplo de superación que serve de maior motivación se cabe para manter aberta a campaña de doazóns, á que aínda se pode acceder a través da dirección web https://www.gofundme.com/elcaminodejuanparaamencer.