Pontevedra abre o pano do Europeo U17 de pentatlón moderno

Pontevedra
06 de xullo 2026

Este luns comezou o Campionato de Europa U17 de pentatlón moderno na Boa Vila, unha competición que encherá o CGTD e o CD Rías do Sur con máis de 200 deportistas durante toda a semana

Primeira xornada do Campionato de Europa U17 de pentatlón moderno

O pentatlón moderno xa está en marcha en Pontevedra da man do Campionato de Europa U17, unha oportunidade para ver de primeira man á futura elite europea dunha disciplina olímpica certamente descoñecida para o gran público, pero que conta cunha gran dificultade técnica ao combinar cinco especialidades. Esta competición reúne a máis de 200 deportistas de máis de 20 países na Boa Vila

Estas modalidades son a esgrima (espada a un toque), natación (200 metros lisos), carreira de obstáculos e láser run, que fusiona 3.000 metros de carreira a pé cunha parada cada 600 metros para disparar con pistola láser.

Todo iso arrincou este mesmo luns co Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) como principal centro neurálxico da competición e co Complexo Deportivo Rías do Sur como escenario das probas de natación.

O formato inclúe probas individuais masculinas e femininas; relevos masculinos, femininos e mixtos; e competicións por equipo. A proba que protagonizou o pistoletazo de saída foi a de relevos coa esgrima como primeira parada.

Tras unha intensa e emocionante xornada, o equipo húngaro logrou a medalla de ouro na categoría feminina e o equipo de Atletas Individuais Neutrais (AIN) fixo o propio en relevos masculinos.

Todo iso sobre a pista dun CGTD que contou cunha nutrida presenza de espectadores motivados polo espectáculo desta disciplina e pola tregua das altas temperaturas na cidade do Lérez.

A competición non fixo máis que empezar e retomará a súa axenda este martes coas probas individuais femininas e o paratetratlhon, unha competición internacional paralela na que participarán cinco deportistas.

O mércores entrarán en escena os atletas da categoría masculina individual, que buscarán un oco nas finais que se desenvolverán ao longo do xoves e do venres. Pechará a semana a modalidade de remudas mixta o sábado pola mañá.