O Pontevedra abrirá Pasarón para o seu filial na busca do ascenso a Terceira RFEF

Pontevedra
06 de maio 2026
Actualizado: 11:18

A entidade granate abrirá o seu estadio para o partido no que o seu filial pode lograr o ascenso de categoría, este domingo 10 de maio fronte ao Atlético Arnoia

Partido entre Pontevedra B e Porriño Industrial
Partido entre Pontevedra B e Porriño Industrial / Pontevedra CF SAD

Unha fin de semana con dobre ración de fútbol no Estadio Municipal de Pasarón.

Ademais do importante partido do Pontevedra fronte ao Bilbao Athletic deste sábado 9 de maio (16.15 horas), con medio play-off en xogo e entradas a prezos populares para o público, a entidade granate decidiu abrir o seu templo para o filial na busca do ascenso do segundo equipo a Terceira RFEF.

O Pontevedra B, que xa tivo o seu primeiro 'match ball' en Vilalonga a pasada xornada, depende de si mesmo para lograr o salto de categoría a dúas datas do final da competición en Preferente.

Por ese motivo, e para que a afección granate poida apoiar os seus canteiráns, o club fixou o partido ante o Atlético Arnoia, sexto clasificado, para o domingo 10 de maio ás 17.00 horas en Pasarón.

A idea do Pontevedra é habilitar unicamente a bancada de Tribuna, con acceso de balde para os seus socios e entradas para o público maior de 16 anos a 10 euros.

Para pechar o ascenso ao filial que dirixe Sergio Moreira bastaríalle que con lograr un empate sen ter que mirar ao que fagan os seus rivais.

Agora mesmo o Pontevedra B é líder con 66 puntos polos 61 que ten o Portonovo na segunda posición, equipo ao que ten gañado o average particular e que xoga esta xornada no campo do Alertanavia cunha hora de antelación (16.00 horas). Se os de Baltar non gañan, o filial tamén sería matematicamente equipo de Terceira RFEF a falta dunha xornada.

Para poñer en contexto do que suporía a fazaña do filial, o segundo equipo granate soamente militou en Terceira RFEF nunha das últimas 15 tempadas, a 23-24.