Pontevedra prepárase para vivir un fin de semana no que o deporte sen dúbida será o gran protagonista.
Á celebración da Costa Atlántica MTB Tour e da Copa de España Mulleres de ciclismo, entre outras, súmase a celebración das finais dos Campionatos Galegos Júnior e Sénior masculinos de voleibol, que se presentaron este xoves na sala de prensa do Concello.
A Boa Vila acollerá as dúas citas no Pavillón Multiusos da Xunqueira, disputándose este sábado 11 de abril as finais da categoría júnior masculina e o domingo 19 as do campionato sénior masculino.
Durante a presentación do evento, o delegado da Federación Galega de Voleibol, Alberto García, destacou o labor do Club Voleibol Pontevedra e o auxe do voleibol na cidade, sinalando que "Pontevedra é un sitio que, por unha cousa ou por outra, volvemos".
Pola súa banda, a presidenta do club pontevedrés, Patricia Valcárcel, fixo un chamamento para que o domingo 19 vaian apoiar ao equipo ao tratarse dun "día clave. Aquí temos ao primeiro equipo sénior masculino", subliñou, "se logra o campionato pode clasificarse directamente á fase de ascenso".
PROGRAMA
O sábado 11 de abril disputaranse as semifinais da categoría júnior masculina. Ás 10:00 enfrontaranse o Oleiros e o Boiro, e ás 12:00 o Santiago fronte ao Vigo.
Pola tarde, ás 16:30 disputarase o partido polo terceiro e cuarto posto e ás 18:30 celebrarase a final, con posterior cerimonia de entrega de premios.
O domingo 19 chegará a quenda do Campionato Galego Sénior masculino, coa presenza do equipo local. Ás 10:00 xogarase a semifinal Vigo‑Ribeira e ás 12:00 enfrontaranse o Voleibol Pontevedra ante o Xabaríns Volei Lugo.
A xornada pecharase co partido polo terceiro e cuarto posto ás 16:30 e a gran final ás 18:30, tamén no Multiusos.
Á presentación acudiron Guillermo Reinaldo, en representación da Xunta de Galicia; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Anabel Gulías, concelleira de Deportes do Concello de Pontevedra; Alberto García, delegado da Federación Galega de Voleibol, e Patricia Valcárcel, presidenta do Club Voleibol Pontevedra.