As horas previas ao comezo da pretemporada do Pontevedra Club de Fútbol deixan unha nova baixa no plantel tras o recente anuncio da fichaxe de Brais Abelenda polo Real Avilés.
Nesta ocasión é o lateral esquerdo Adrián Expósito quen abandona a disciplina granate tal e como comunicou a entidade lerezana nas súas redes sociais.
A súa non continuidade no equipo responde a un acordo entre club e xogador para pechar a súa etapa na Boa Vila, pois cabe lembrar que o madrileño era un dos efectivos con contrato en vigor para a próxima tempada.
Expósito chegou ao Pontevedra no verán de 2025 procedente dun Rayo Majadahonda no que tivo un papel destacado en Segunda Federación.
Con todo, nunca chegou a asentarse nunha banda esquerda de Pasarón que rapidamente pasou a ter a Miguel Cuesta como inquilino habitual.
O Pontevedra CF e Adrián Expósito chegan a un acordo para poñer fin á súa etapa non club.
— Pontevedra CF 🦴 (
Foi un pracer contar contigo esta tempada. Grazas polo teu traballo, compromiso e profesionalidade defendendo as nosas cores.
Moita sorte non teu futuro, Expo! ♥️aexposito_01 pic.twitter.com/5ew0bcUvnKPontevedraCFSAD) July 14, 2026
Seis titularidades, un gol e 619 minutos disputados son os números do madrileño na tempada 25/26 en Primeira Federación, cifras que falan do escaso protagonismo do xogador baixo as ordes de Rubén Domínguez.
Todo iso explica o acordo para a súa saída, pois Expósito buscará unha nova oportunidade na que sumar minutos e recuperar sensacións mentres que o Pontevedra tratará de incorporar, polo menos, un lateral esquerdo que, a priori, chegue para ser titular.
Salvo sorpresas de última hora, o técnico ourensán contará con 16 xogadores do primeiro equipo para o adestramento deste mércores no Manolo Barreiro.
En relación ao mercado de fichaxes, o club conta con seis fichas sénior e tres fichas sub23 dispoñibles para completar o plantel até o máximo de 25 licenzas permitidas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.