O Pontevedra confía en Tiago Rodríguez para a próxima tempada

Pontevedra
13 de xullo 2026

O club granate reafirma a súa confianza no centrocampista ourensán, que traballa para volver aos terreos de xogo esta tempada tras sufrir unha rotura de ligamento cruzado no mes de febreiro

Tiago Rodríguez, no partido entre Talavera e Pontevedra
Tiago Rodríguez, no partido entre Talavera e Pontevedra / Pontevedra CF SAD

Tiago Rodríguez seguirá vinculado ao Pontevedra Club de Fútbol durante, polo menos, unha tempada máis.

O ourensán renova co club granate até 2027 coa intención de terminar a súa recuperación e volver canto antes aos terreos de xogo.

O da cidade termal foi sen dúbida un dos grandes nomes propios do conxunto granate na primeira metade do campionato. Foi clave na mellor serie de vitorias que atravesou o equipo e o seu entendemento co resto de compañeiros era total.

Pero todo torceuse o 31 de xaneiro no Estadio El Prado no encontro contra o CF Talavera que finalizou con vitoria granate por 0-4. Os granates golearon e convenceron, pero perderon a un dos xogadores máis importantes para o resto da tempada.

E é que as probas confirmaron días despois que o ourensán sufrira unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo esquerdo, mesma lesión que sufriu o seu compañeiro de equipo Juanra poucos meses antes.

A súa ausencia non pasou desapercibida, pois o equipo de Rubén Domínguez atravesou unha xeira de sete xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria xusto tras a súa lesión. Casualidade ou non, o Pontevedra botoulle en falta.

É por iso que o club volve apostar polo xogador, que continúa recuperandose seis meses despois e cuxa data para volver aos terreos de xogo é aínda unha incógnita.

Domínguez non poderá contar con el desde o inicio da tempada pero, en caso de recuperar a súa mellor versión, será sen dúbida un dos xogadores a ter en conta no conxunto granate.

Xa só queda por coñecer o futuro de Brais Abelenda no que respecta aos xogadores que terminaron contrato en xuño de 2026 e cuxa situación non foi aínda comunicada polo club.

Salvo sorpresa de última hora, Rubén Domínguez contará con 17 xogadores con ficha do primeiro equipo para a primeira sesión de adestramento da pretemporada programada para este mércores.

Entre eles atópanse sete novos fichaxes (Jerín, Adrián Argos, Ilías Charid, Iker Ivorra, Iñaki Elejalde, Domingo Mba e Iker Galindo), cinco renovados (Álex González, Alberto Gil, Juanra, Álvaro Pérez e Tiago) e cinco xogadores con contrato desde a pasada campaña (Marqueta, Vidorreta, Expósito, Yelko e Compa).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora