O Pontevedra e o Cádiz acordan poñer fin á cesión de Marcos Denia

Pontevedra
02 de xaneiro 2026

O dianteiro, sen apenas minutos cos granates esta tempada, regresa ao seu club de orixe en busca dunha maior continuidade

Marcos Denia, no Partido de Copa entre Pontevedra e Eibar
Marcos Denia, no Partido de Copa entre Pontevedra e Eibar / Pontevedra CF SAD

Xa é oficial. Marcos Denia non seguirá no Pontevedra Club de Fútbol.

A entidade granate e o Cádiz CF, propietario dos dereitos do futbolista, acordaron poñer fin á cesión do atacante na Boa Vila.

Desta forma o dianteiro, que apenas contaba na rotación de Rubén Domínguez, regresa ao seu club de orixe na busca de continuidade, e o Pontevedra libera unha ficha máis coa que poder reforzarse no recentemente aberto mercado invernal.

Con este movemento pasan a ser tres as fichas dispoñibles ao sumarse á rescisión de Hervías e a lesión de longa duración de Juanra.

Non será en todo caso a última saída, xa que Nico Conesa atópase nunha situación similar á de Denia, ao que se suma a incógnita que rodea ao futuro de Dani Selma.

"Durante a súa etapa no Pontevedra CF, Marcos Denia formou parte do vestiario granate con profesionalidade, compromiso e unha actitude exemplar, contribuíndo ao día a día do equipo tanto dentro como fóra do terreo de xogo", destaca o Pontevedra no comunicado no que fai oficial a saída do futbolista.

Nesta primeira metade de tempada Denia participou en apenas 7 partidos oficiais, 5 de liga e 2 de Copa do Rei, os únicos nos que foi titular, sumando un total de 166 minutos.

"Desde o club queremos agradecer a Marcos o seu traballo, implicación e comportamento durante o tempo que defendeu a nosa camiseta, así como desexarlle a maior das sortes na súa próxima etapa profesional", conclúe o club da Boa Vila.