Rubén Domínguez, ante a visita do Racing de Ferrol: "Está claro que non é un partido máis"

Pontevedra
02 de xaneiro 2026

O adestrador granate espera que o duelo supoña un "punto de inflexión" na asistencia a Pasarón e "que a xente se enganche no día a día da liga. Este equipo non lles vai fallar"

Rubén Domínguez, no partido de Copa do Rei entre Pontevedra CF e SD Eibar
Rubén Domínguez, no partido de Copa do Rei entre Pontevedra CF e SD Eibar / Cristina Saiz

Volve a liga de Primeira RFEF para o Pontevedra Club de Fútbol e faino cunha cita marcada en vermello no calendario, a visita do Racing de Ferrol (sábado 3, 16.30 horas) ao Estadio Municipal de Pasarón.

Cos granates en play-off e a só tres puntos do seu rival, a xornada preséntase como toda unha reivindicación para os locais fronte ao teórico poderío do conxunto verde.

"O Racing de Ferrol está claro que xunto co Tenerife posiblemente sexa o mellor plantel a nivel individual, construído para ser campión ou para loitar o ascenso. Ten xogadores diferenciais en todas as liñas e é un equipo que ten moi claro ao que xoga", analizou este venres Rubén Domínguez desde a sala de prensa do estadio pontevedrés.

A pesar deste aspecto e a diferenza orzamentaria (o Pontevedra vén de aprobar un orzamento de 2,3 millóns de euros e os ferroláns de 4,4 millóns de euros), o técnico non renuncia a conseguir un triunfo que permita seguir ilusionando a parroquia granate.

"Grazas ao equipo todo o mundo está a soñar, está a ilusionarse, a afección, o corpo técnico, os xogadores e a directiva. Creo que podemos meterlle man a calquera e ese dereito de ilusión que non nolo quiten", defendeu.

É por iso que Rubén ve ademais a cita como "ese punto de inflexión de cara a que a xente se enganche no día a día da liga, porque creo que este equipo non lles vai fallar", insistiu sobre o ambiente que se espera nas bancadas.

Porque con todos estes ingredientes "está claro que non é un partido máis. Ao final para nós é un derbi, un día no que a nosa afección nos quere ver gañar ao Racing".

Será de novo unha xornada con escaseza de efectivos no plantel do Pontevedra, situación que xa superou con éxito nos seus últimos compromisos. Tras a rescisión de Hervías, a lesión de Juanra e con xogadores como Denia, Conesa e Dani Selma cun pé fóra, a convocatoria completarase previsiblemente con até catro futbolistas do filial.

Ademais o adestrador granate non poderá contar para a cita con Víctor Eimil, sancionado por acumulación de amoestacións, mentres que "Brais Abelenda, aínda que entrará en convocatoria, vai ser difícil a súa participación", explicou.

Por iso, no día que abre oficialmente o mercado invernal de fichaxes, era obrigado tamén preguntar a Rubén Domínguez polas posibles incorporacións, unha cuestión á que se limitou a responder con conciso pero directo "eu adestro", confiando en que desde os despachos se poidan pechar os esperados reforzos de cara á segunda volta do campionato.