Xa ninguén o esconde. O Pontevedra Club de Fútbol ten unha oportunidade de ouro para pechar o seu ascenso a Primeira RFEF esta mesmoa fin de semana, coa visita a Pasarón (domingo 20, 17.00 horas) do Laredo.
Bástalle con gañar, sen mirar a outros campos, a un rival que chega ademais tras perder a categoría, pero a pesar da expectación que se está xerando na cidade no vestiario granate "estamos tranquilos porque sabemos que depende de nós".
Así o asegura Óscar Castellano 'Chiqui', protagonista este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
"Tanto para o club, como para a cidade, como para nós vai ser un ano histórico", asegura o extremo convencido de que o obxectivo xa non se pode escapar.
"Estamos cunha confianza polas nubes, creo que podemos materializalo con coa nosa xente e é o que queremos", afirma. De feito en plena Semana Santa "a case todos nos vén a familia, e é como un plus máis para todos", recoñece.
Sería o primeiro ascenso en categoría sénior de Chiqui, e "ascender de Segunda a Primeira RFEF é algo moi bonito", pero tamén "moi difícil. Nós día a día estámolo valorando, estamos a ser conscientes de todo o que estamos a facer".
Ademais tras o pau sufrido hai un ano o xogador do Pontevedra soña con devolver o agarimo a unha afección que vai acudir en masa a Pasarón, porque tal e como asegura "estamos cerquita de poder logralo e pensas en toda a xente que te apoia".
Con todo Chiqui non cre que o Laredo vaia ser un invitado de pedra á festa do ascenso, xa que "calquera xogador que vén xogar a Pasarón quere facer o seu partido, porque sabe que lle estaba vendo moitísima xente. Non nolo van a pór nada fácil e cando saiamos ao campo temos que saír con esa furia nos ollos de que hai un equipo que se está xogando a vida, que somos nós".
Por último, tras dous anos no Pontevedra e coa súa continuidade no aire ao final de tempada, o extremo recoñeceu que "estou aquí moi contento. En Pontevedra acolléronme moi ben, sinto un xogador moi valorado pola afección e polo club e xa se verá que pasa no verán", avanzou deixando ese tema para unha vez que o obxectivo estea no peto.