Novidades sobre o Pontevedra Club de Fútbol nunha semana que comezou cunha das noticias máis esperadas: A renovación de Rubén Domínguez e Adrián Abalo no banco de Pasarón para a próxima campaña en Primeira Federación.
E aínda que a parroquia granate espera ansiosa para coñecer as primeiras renovacións do plantel, algo no que se está traballando desde hai días tal e como explicou a presidenta Lupe Murillo na rolda de prensa de peche de tempada, outro dos temas de especial interese entre os afeccionados é coñecer a nova campaña de abonados para a tempada 26/27.
Lonxe de facerse demorar, o club anunciou este mesmo venres que esta campaña se presentará o vindeiro luns 15 de xuño ás 17:00.
Será nun acto público que se celebrará na Ponte do Burgo, tal e como afirmou a entidade lerezana nas súas redes sociais.
"Andamos argallando algo e queremos que o vexas", expresou o Pontevedra na súa convocatoria.
Andamos argallando algo e queremos que o vexas! 👀🫣
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) June 12, 2026
📆 Luns 15 | 17:00
📍 Ponte do Burgo 🌉
♥️🆕 Agardámosvos a todos para a presentación da nova campaña de abonados para a tempada 26/27#PrimeraFederacion | #VersusELearning pic.twitter.com/TkvT8eWLMI
O anuncio, acompañado dunha foto da afección en Pasarón, péchase coa expresa invitación ao acto: "Agardámosvos a todos para a presentación da nova campaña de abonados para a tempada 26/27".
Será a ocasión de coñecer o novo lema que acompañará o equipo na súa próxima aventura en Primeira Federación, ademais dos prezos e as novidades sobre o carné de socio.
O gran ano deportivo do equipo, que acariñou cos dedos o play-off de ascenso a Segunda División, é sen dúbida un dos grandes incentivos para sumar novos afeccionados ás bancadas de Pasarón.