O Pontevedra, o equipo con máis partidos en sábado do Grupo I de Primeira RFEF

Pontevedra
10 de novembro 2025
Actualizado: 13:36

Entre os encontros disputados e os xa fixados o Pontevedra e a Celta Fortuna son os que máis veces deben competir en sábado (10) e menos en domingo (4), escapando por agora dos temidos venres

Partido entre Pontevedra CF e Zamora en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e Zamora en Pasarón / Cristina Saiz

As queixas polos horarios son unha constante esta tempada na Primeira Federación na que compite o Pontevedra Club de Fútbol, e é que con partidos repartidos en diferentes franxas horaias de venres, sábado e domingo para adaptarse ás esixencias televisivas ningún equipo está plenamente satisfeito da repartición.

No que respecta aos granates unha tendencia está clara, e é que entre as 11 xornadas xa disputadas e os tres encontros fixados para as próximas semanas, son o equipo xunto á Celta Fortuna que máis veces compiten a golpe de sábado.

Até 10 dos partidos do Pontevedra xogáronse ou foron xa fixados en sábado, os mesmos que o filial céltico polas 9 veces de Tenerife e Mérida.

De feito o tres próximos encontros dos de Rubén Domínguez disputaranse o penúltimo día da semana, este sábado 15 de novembro (16.15 horas) fronte ao Mérida en Pasarón, o día 22 contra o Lugo a domicilio (16.15 horas) e o 29 de novembro (18.30) recibindo o Guadalajara na Boa Vila na xornada 14, a última que se deu a coñecer.

Esta situación provoca que só 4 veces esta tempada o Pontevedra xogou en domingo.

Foi contra o Tenerife e Talavera na casa e contra Castilla e Arenteiro fóra, e só unha delas (Tenerife) competiu en horario dominical de tarde, como afacía ser habitual en Pasarón.

É de feito o equipo que menos veces compite en domingo empatado na estatística co propio Celta Fortuna, o Tenerife, o Barakaldo, o Mérida, o Lugo e o Arenas, contrastando cos 10 partidos do Real Avilés, o que máis.

Polo menos nesta lea eterna de horarios, os granates son un dos sete equipos do seu grupo que, de momento, escapan dos temidos venres, sendo aquí o Barakaldo (4 veces) e o Lugo (3) os que lideran a estatística de encontros disputados o quinto día da semana.