O Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños será escenario de competicións de natación artística de nivel internacional.
É o obxectivo que se marcou o Concello de Pontevedra e no que xa deu pasos sólidos, segundo avanzou este luns a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, aproveitando a presentación da concentración que a Selección Española Júnior realizará en Pontevedra.
A edil, sen querer desvelar de que competición se trata, recoñeceu o frutífero que foi un recente encontro celebrado na cidade co Comité Técnico da Federación Europea de Natación (LEN).
"Despois dese encontro co comité europeo, creo que veñen grandes cousas á cidade", afirmou na súa comparecencia.
"Creo que imos ser quen de colocar a Pontevedra como a capital europea da natación artística", sinalou de feito con optimismo acompañada de responsables do Club Natación Artística Galaico Pontevedra.
No que respecta á concentración da Selección Española Júnior, na que estará unha deportista pontevedresa como Daniela Suárez, ten previsto preparar en Rías do Sur as rutinas de equipo que presentará ao Campionato de Europa de Natación Artística que se celebrará en Atenas o próximo mes de xuño.
Farao do 5 ao 9 de febreiro incluíndo unha exhibición aberta ao público, e á que se convidará a clubs galegos, que se celebrará o sábado 8 de febreiro ás 20.30 horas.
"Desde a parte máis técnica, sacar as rapazas da Selección Española Júnior do CAR (Centro de Alto Rendemento) é moi difícil", asegurou na súa intervención Diana Fernández, adestradora do Galaico, dando valor á oportunidade que supón para as deportistas locais e a que "hai un traballo detrás moi grande para que estas rapazas poidan estar aquí".