O deporte federado pontevedrés viuse afectado no inicio da semana polo episodio de altas temperaturas que atravesa a provincia.
A Secretaría Xeral para o Deporte decretou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior para este luns 4 de agosto pola vaga de calor, o que afecta tanto a competicións como a adestramentos.
Con todo o Pontevedra Club de Fútbol 'burlou' a calor e a propia alerta, e é que á hora en que se decretou xa completara a súa sesión diaria de preparación no Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira.
Durante esta pretempada, o equipo adestrado por Rubén Domínguez está a exercitarse de maneira habitual ás 9.00 horas da mañá.
Este horario permitiulle este luns escapar das horas de maior incidencia das altas temperaturas e tamén á propia prohibición da Xunta, que se comunicou cando o adestramento xa finalizara.
Unha situación que podería repetise este martes, ante a alerta meterológica activada de nivel laranxa en Pontevedra, con temperaturas que chegarán até os 37 graos, e dado que a suspensión da actividade deportiva decretouse inicialmente só para a xornada do luns.
No que respecta o primeiro plantel granate, ten prevista unha nova sesión de preparación este martes 5 de agosto ás 9.00 horas na Xunqueira, mentres que o encontro amigable do mércores contra o Estradense no Novo Municipal da Estrada está fixado para as 21.00 horas, por tanto escapando tamén das horas máis problemáticas.
A semana de traballo completarase con sesións de preparación o xoves e o venres, ao non ter programado ningún encontro durante a fin de semana.