As grandes promesas do tenis internacional teñen unha cita por terceiro ano consecutivo en Pontevedra.
Tena co III Pontevedra International Junior U14, organizado polo Club de Tenis Pontevedra, consolidado no calendario do circuíto Tennis Europe.
"Estamos moi orgullosos da nosa terceira edición. É un torneo que xa é unha referencia en Europa en categoría Sub14. Por aquí pasaron xa nenos de 40 países, desde China, EEUU, Sudáfrica e case todos os países de Europa", explicou na presentación do evento o seu director, Tozé Pinto.
E é que tal e como lembra a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, "vai permitir ver o futuro do tenis europeo na nosa cidade".
Unha competición que arrincará xa a fin de semana coa súa fase previa, e que dará o pistoletazo de saída ao seu cadro principal o luns 15 de setembro.
"Chegaremos a cuartos de final o xoves, semifinais e final de dobres o venres e as grandes finais serán o sábado 20 ás 12.00 da mañá no Club de Tenis", explicou Tozé Pinto acompañado do presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera, e o presidente do Club de Tenis Pontevedra, Andrés Martínez, entre outros.
Na pasada edición os vencedores do torneo pontevedrés foron a maltesa Marya Magro na categoría feminina e o francés Arthur Salafa na masculina.
Agora búscanse novos nomes no palmarés, tenistas que aspiran a triunfar no futuro dentro do circuíto profesional.