Pontevedra LAB pecha o ano con tres charlas sobre innovación en tríatlon, balonmán e o uso da IA

Pontevedra
14 de novembro 2023

O laboratorio de deporte e innovación organizará tres xornadas durante o mes de novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Miguel Anxo Fernández Lores con Diego Laso, responsable de Pontevedra LAB
Miguel Anxo Fernández Lores con Diego Laso, responsable de Pontevedra LAB / PontevedraViva

Tres xornadas de debate e formación protagonizarán o final de ano de Pontevedra LAB, o laboratorio de innovación no deporte que a Boa Vila acolle desde o pasado mes de maio.

Serán tres charlas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte abertas a deportistas, adestradores, alumnado e todo o que queira achegarse e nas que "charlaremos de formas de adestramento, a evolución ou as tecnoloxías que se aplican", sinalou o reponsable de Pontevedra LAB, Diego Laso, acompañado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a primeira destas xornadas.

Esta primeira cita terá lugar este mércores 15 de novembro a partir das 12.00 horas centrada na innovación no mundo do tríatlon. Participarán o campión mundial de longa distancia Pablo Dapena, centrado xa no seu novo labor como adestrador, o campión mundial de acuatlón Cristian Fernández, o presidente da Federación Galega, Javier Campos, e tamén o fará en liña Antonio Arimany, secretario xeral de World Triathlon.

A segunda xornada prevista para o mércores 22 centrarase na Intelixencia Artificial (IA) e as realidades inmersivas, mentres que a terceira e última (mércores 29) versará sobre a innovación no balonmán.