A pelexa polo ascenso directo vai camiño de converterse nunha pugna de récord tanto para o Pontevedra Club de Fútbol como para o Numancia.
Os dous equipos manteñen o tipo cos seus triunfos da fin de semana situándose tras 21 partidos xogados no liderado compartido con 46 puntos, con sete de vantaxe sobre un Real Ávila que é terceiro pero cun encontro disputado máis.
Esta cifra de puntuación non só supón a máxima do Grupo I de Segunda RFEF nas catro tempadas de existencia da categoría, senón que é unha marca na entidade granate desde a implantación do sistema de tres puntos por partido gañado, alá pola campaña 95-96.
Por partes, no que respecta á actual Segunda RFEF, a cifra é a mesma que atesouraba o Arenteiro no curso 22-23, aínda que os do Carballiño contaban entón con sete puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor. Hai un ano por exemplo o Pontevedra compartía liderado co Ourense con 43 puntos tras 21 partidos xogados, co Zamora pegado a eles con 42, mentres que na tempada 21-22 na que os granates terminarían ascendendo a Primeira RFEF eran segundos a estas alturas con 39 puntos (sete menos) a seis do líder Unión Adarve.
Mirando cara atrás, nin nos anos nos que o Pontevedra conseguiu finalmente o ascenso de categoría lograra tantos puntos despois dos seus primeiros 21 partidos de competición regular.
Na campaña 14-15 en Terceira División contaban con 43 puntos, mentres que na do lembrado último ascenso á Liga de Fútbol Profesional na 03-04 os granates eran só segundos con 36 puntos.
A cifra de puntuación máis alta a estas alturas estaba até agora na tempada 06-07, na que acabarían como campións de grupo en Segunda B aínda que sen o premio do ascenso. Contaban entón con 44 puntos.
Unha estatística que reflicte a esixencia á que se están a someter na súa pugna tanto o Pontevedra como o Numancia, e é que ambos os dous saben da importancia de ascender de maneira directa e evitar un posible play-off, onde calquera cousa pode pasar.
Os dous sábeno de primeira man, pois o curso pasado despedíronse do seu obxectivo de maneira cruel na final da fase de ascenso, e non queren volver pasar pola mesma experiencia. Por iso a pelexa polo liderado promete manterse até o final.