Continúan os movementos en clave período invernal de fichaxes no Pontevedra Club de Fútbol coa saída oficial de Dani Selma e a presentación de Álvaro Pérez, primeiro reforzo no equipo granate.
Precisamente aproveitando a presentación do central o coordinador da secretaría técnica do Pontevedra, Jacobo Maestre, valorou os primeiros días de mercado na entidade da Boa Vila, fixando ademais as prioridades nos movementos que están a realizar.
"Estamos a falar con xogadores e temos accións avanzadas", confirmou Maestre.
Neste sentido e cunha incorporación xa para a liña defensiva como Álvaro Pérez, "estamos a buscar un dianteiro e un extremo", revelou. No que respecta á posible fichaxe dun centrocampista "se nos entra algo ou podemos traer algo que poida mellorar o que temos tentaremos asinalo, pero non nos imos a volver tolos".
Preguntado sobre o maior número de saídas que de entradas polo momento, tras as rescisións de Selma, Hervías, Conesa e Denia, o responsable da secretaría técnica defendeu que "nos preocupan máis os xogadores que temos lesionados que os que saíron, porque os que saíron practicamente non contou o míster con eles".
Jacobo Maestre pediu ademais "paciencia" cun mercado no que "os tempos non os estamos a marcar nós. Sabemos que o mercado de inverno é un mercado moi difícil, non podemos coller e aventurarnos e temos que ter a paciencia que nos marcan os tempos e os equipos onde están os xogadores", explicou.
Por último Maestre foi preguntado tamén sobre as negociacións para renovar a futbolistas do actual plantel, como sucedeu recentemente con Yelko Pino.
Neste sentido "de momento xa sabedes que aquí as cousas marcámolas con paciencia e agora está todo moi ben. Temos que ir aos poucos", limitouse a comentar respecto diso.