Non é o obxectivo da tempada, pero é inevitable mirar de esguello á posición de privilexio actual do Pontevedra Club de Fútbol.
Co seu triunfo fronte o Arenas de Gexto en Pasarón, a súa segunda vitoria consecutiva, os granates disparáronse até a quinta posición do campionato en Primeira RFEF e o que é máis importante, abriron unha brecha de 7 puntos coa zona de descenso.
Iso supón que os de Rubén Domínguez ocupan cos seus 24 puntos o último dos postos de play-off de ascenso a Segunda División.
Unha situación, a de estar en posto de promoción á segunda categoría nacional e por tanto ao fútbol profesional que non se daba desde cinco anos atrás.
Concretamente a última vez que sucedeu foi cinco anos e dous días antes. Era 12 de decembro de 2020, na tempada da fatídica reestruturación no fútbol nacional, na que o Pontevedra acabou caendo á recentemente creada Segunda RFEF. Con todo por entón (xornada 8) e tras un bo arranque de campionato estaba aínda na terceira posición da fase inicial.
Un ano antes, na 2019-2020, tamén tocara efímeramente play-off tras a xornada un de liga, e na 2018-2019 chegou a ser cuarto a catro xornadas do final da competición regular.
Cabe lembrar que a última fase de ascenso a Segunda disputada polo Pontevedra remóntase á campaña 16-17, con Luisito no banco, cando foron eliminados no play-off polo Real Murcia.
No que respecta á situación actual do Grupo I de Primeira RFEF, o CD Tenerife segue dominando a categoría desde o liderado con 35 puntos, polos 30 de Racing de Ferrol e Celta Fortuna, os 28 do Real Madrid Castilla e os 24 do Pontevedra pechando a zona de promoción cos mesmos puntos que Real Avilés e Mérida.
👏 4 victorias en los últimos 5 partidos que provocan que…
— Primera Federación Versus e-Learning (@Primera_RFEF) December 15, 2025
💙 ¡El @CDTOficial asegure el liderato del 𝗚𝗥𝗨𝗣𝗢 𝟭 en el parón navideño! 🤍
🤔 A falta de una jornada por disputarse...
🔥 ¿Qué equipos acabarán el año en puestos de playoffs?#PrimeraFederación |… pic.twitter.com/Ihq4FhLwsN
En todo caso o principal obxectivo segue sendo evitar unha zona de descenso que agora marca con 17 puntos a Ponferradina.
O que non se pode negar é que a actual situación reforza a un plantel que tivo que superar adversidades no que vai de campionato. De feito, tal e como recoñeceu o propio Rubén Domínguez na rolda de prensa posterior ao duelo co Arenas "facer 24 puntos quedando tres xornadas para a primeira volta, se nolo din en xullo, seguramente todos asinábamos. A ver até onde somos capaces de chegar, porque a nosa ambición non vai ter límites".
Esa primeira volta da liga depara tres exixentes duelos aínda para o Pontevedra, que a próxima xornada visita o Barakaldo no País Vasco (domingo 21, 16.00 horas) antes do parón do Nadal, e que retomará a acción a principios de 2026 recibindo o Racing de Ferrol (sábado 3 de xaneiro, 16.30 horas) para desprazarse unha semana despois a Avilés.