Unha das citas máis atractivas do calendario deportivo da cidade regresa a Pontevedra o día 9 de agosto para celebrar a súa cuarta edición.
Trátase da IV Travesía a nado do Lérez, unha proba de natación en augas abertas organizada polo Club Natación Galaico e o Concello de Pontevedra.
O evento foi presentado este mércores nun dos puntos neurálxicos da proba como é a praia fluvial do río Lérez.
Acudiron ao acto o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; a directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda; o xefe de servizo provincial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides, a tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Villaverde; o presidente do Club Natación Galaico, Alberto Castro, a madriña oficial do evento, Anneke Jenkins, e o responsable de natación en augas abertas do Club Natación Galaico, Alejandro Piso.
O presidente do club, Alberto Castro, destacou durante a súa intervención o crecemento dunha proba que creceu ao longo destes catro anos até o punto de converterse na 15ª etapa da XI Copa de España de Augas Abertas na categoría Tour 500.
Explicou tamén que "o obxectivo deste ano é facela internacional", polo que a competición incluirá por primeira vez un circuíto luso-galaico ademais de puntuar tamén para o XXII Circuíto Galego. Serán un total de tres probas puntuables diferenciadas nesta cuarta edición da Travesía a Nado do Lérez.
En canto aos detalles técnicos da cita, Alejandro Piso explicou que a proba reina constará de dúas voltas a un circuíto de 2.000 metros que farán un total de 4.000 metros de distancia para as categorías Elite, Júnior, Infantil e Máster. Lugares emblemáticos como o Mosteiro de San Benito e a Illa das Esculturas serán algúns das paisaxes que depara este percorrido aos nadadores.
Desde o club estiman unha participación de 300 nadadores, cifra que suporía "un éxito redondo". Explican tamén que ao contar con categorías elite, máster e tamén popular "hai cabida para todo deportista que lle guste a auga nesta travesía".

Precisamente a proba popular, destinada a nadadores afeccionados, atravesará a metade do percorrido da proba reina cun total de 2.000 metros. Esta distancia reducirase a 1.250 metros para categorías de formación (Infantil e Promoción), 200 metros para Benxamín e entre 50 e 100 metros para Prebenxamín.
Cabe destacar tamén a aposta por unha nova categoría inclusiva na que terán cabida aqueles nadadores con discapacidade física, psíquica ou sensorial.
Outra das novidades desta cuarta edición é a presenza da neozelandesa Anneke Jenkins como madriña oficial. A campioa do mundo de Acuatlón, que leva anos fincada na Boa Vila durante gran parte do curso deportivo, mostrouse contenta e agradecida pola invitación á travesía.
Mesmo entusiasmo mostrou o presidente da FEGAN, Juan Carlos Brión, que destacou o novo convenio coa Federación Portuguesa que permite incluír un circuíto internacional por primeira vez e engadiu, ademais, que "creo que a cifra de 300 nadadores vaise a quedar curta".
Xisela Aranda destacou durante a súa intervención a contorna desta proba deportiva que "é unha paraxe espectacular". Destacou o apoio da Deputación ao afirmar que "somos a provincia do deporte" e puxo en valor que "temos un estadio natural e creo que probas como estas demóstrano".
Tamén apoiou o papel das institucións Daniel Benavides como representante da Xunta na súa intervención ao explicar que "hai que felicitar tanto o Concello como á Deputación porque hoxe estamos xuntos aquí nunha sinerxía que nalgúns sitios non é posible".
Para pechar a presentación da Travesía a Nado do Lérez interveu Eva Villaverde en representación do Concello de Pontevedra. A tenente de alcalde centrou a súa intervención no papel do Club Natación Galaico como organizador.
"É unha das probas máis valoradas entre o circuíto estatal tanto pola súa organización como pola localización. Iso fala moi ben do Club de Natación Galaico, do traballo que fai e tamén do compromiso do Concello de Pontevedra", apuntou.
As inscricións para participar xa están dispoñibles en ChampionChip Norte e o prazo permanecerá aberto até o próximo 30 de xullo ás 23:59.