Novo capítulo na batalla legal aberta polo Pontevedra Club de Fútbol tras a decisión do Xuíz Único de Competición de outorgarlle a quinta praza do Grupo 1 de Primeira RFEF, e por tanto un posto no play-off de ascenso, ao Real Madrid Castilla, en detrimento dos granates no triplo empate entre eles e o Barakaldo.
A entidade pontevedresa, cumprindo cos prazos dados pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF), confirmou este mércores a presentanción de maneira formal dun recurso ante o Comité Nacional de Segunda Instancia da RFEF.
Cabe lembrar que Competición, na súa resolución, concedía un prazo improrrogable de 48 horas ao Pontevedra desde o momento da notificación para interpor este recurso.
Desta forma o club granate "continúa así coa defensa dos dereitos e intereses deportivos da nosa entidade".
O fallo de Competición, publicado a última hora do luns, denegaba a suspensión cautelar da fase de ascenso a Segunda División, tal e como solicitaba o Pontevedra Club de Fútbol.
De feito o partido de ida da eliminatoria entre o Castilla e o Sabadell, a que correspondería aos pontevedreses, fixouse xa para este venres 29 de maio, deixando case sen tempo á reacción.
É por iso que a pesar da exclusión do citado play-off, o primeiro plantel granate segue a exercitarse esta semana á espera de coñecer o resultado do recurso presentado desde as oficinas de Pasarón.
De ser de novo o fallo contrario aos seus intereses, a entidade da Boa Vila deberá sopesar os seus seguintes movementos, coa posibilidade de elevar o caso ao Tribunal Administrativo do Deporte (TAD), aínda que esta vía non arroxaría un desenlace inmediato descartando por completo a posibilidade de ascenso no actual play-off.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.