Pontevedra "respira atletismo" ante o seu XXI Medio Maratón

Pontevedra
10 de outubro 2016

A proba, que este ano será ademais Campionato Galego da distancia, foi presentada oficialmente este luns no Concello de Pontevedra. Os actos previos á carreira comezan este martes coa convocatoria da Sociedad Gimnástica para a tradicional quedada de recoñecemento do circuíto

Presentación do XXI Medio Maratón de Pontevedra
Presentación do XXI Medio Maratón de Pontevedra / PontevedraViva

A cidade empeza a contaxiarse do "gran ambiente" que xera unha proba deportiva como o Medio Maratón de Pontevedra, que este domingo 16 de outubro vivirá a súa edición XXI.

Así o explicou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, na presentación oficial dunha proba que reunirá "sobre 1.600 deportistas", explicou Pablo Díaz, director técnico da Sociedad Gimnástica.

O club atlético será o encargado tamén de inaugurar os actos previos á carreira coa quedada de recoñecemento do circuíto, prevista para as 20:00 horas do martes desde o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O Medio Maratón volve ao seu tradicional percorrido, con dúas voltas a un circuíto de pouco máis de 10 quilómetros con saída ás 11:00 horas desde a ponte dos Tirantes e chegada na pista de atletismo do CGTD.

Ademais nesta ocasión a proba terá categoría de Campionato Galego da distancia, un premio para "unha cidade que respira atletismo", recoñeceu o presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillos.

Por ese motivo, e para facilitar o inicio, habilitaranse tres caixóns de saída en función da marca acreditada por cada un dos atletas.