É oficial: Pontevedra será sede durante a segunda quincena de xuño dos Campionatos de España de Ximnasia de Trampolín (especialidade olímpica) e Acrobática, tal e como anunciaron este venres o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Real Federación Española de Ximnasia, Jesús Carballo; a súa secretaria técnica de Aeróbica, Trampolín e Acrobática, Covadonga Menéndez; o presidente da Federación Galega, José Manuel Estévez, e o do Club Treboada, Carmelo Vázquez.
No mes de febreiro e tras unha reunión entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e os presidentes das federacións española e galega de ximnasia, xa nomearon á cidade do Lérez como sede destes campionatos, pero é agora cando se confirma, de forma oficial, tanto a data como o lugar das competicións.
"Temos dificultades para traelas a Pontevedra", indicou Tino Fernández, "o Pavillón non cumpre coas especificacións mínimas e hai que recorrer ao Recinto Feiral". Avanzaron tras estas reunións en que a idea é, de aquí en diante, "traer eventos de alto nivel relacionados coa ximnasia. Estamos en débeda permanente e esperamos empezar a pagala en 2023 coa construción do novo Pavillón".
Pola súa banda, o presidente da Federación Española admitiu que "hoxe é un día feliz para a ximnasia española" e admitiu sentirse "orgullosos e satisfeitos de poder avanzar con tanto tempo para unhas sedes de ximnasia para o 2023". Recoñece Carballo que a ximnasia pontevedresa e galega está de celebración polos seus éxitos e organizar este tipo de competicións é un "recoñecemento e reforzo para que a ximnasia galega siga crecendo".
A celebración destes campionatos de máximo nivel supoñerán a chegada a Pontevedra de máis de 1.500 deportistas e será, en palabras de Jesús Carballo, "un éxito completamente asegurado pola experiencia de Federación Galega e o seu equipo de organizar este tipo de competicións".
Asegura que desde a Federación Española están "moi confiados e tranquilos porque imos traballar en equipo e facer unhas competicións moi potentes para que a xente coñeza a ximnasia de primeiro nivel. Isto será o inicio de moitas competicións para o futuro", indicou.