O Recinto Feiral, listo para recibir os máis de 600 participantes no Campionato de España de Ximnasia Trampolín

Pontevedra
20 de xuño 2023

A competición nacional, nas categorías de base e sénior, dará comezo este mércores 21 de xuño no Recinto Feiral de Pontevedra e prolongarase ata o vindeiro domingo día 25. O prato forte do campionato, a categoría olímpica de trampolín na que parte como gran favorita a local Melania Rodríguez

Presentación do Campionato de España de Ximnasia Trampolín
Presentación do Campionato de España de Ximnasia Trampolín / PontevedraViva

Todo está listo xa no Recinto Feiral de Pontevedra para vivir unha gran competición deportiva, o Campionato de España de Ximnasia Trampolín.

A cita, instalada no Recinto debido á necesidade de altura para as manobras dos participantes, contará con máis de 600 deportistas entre as diferentes categorías de base e absolutas nas modalidades de trampolín, dobre minitramp (DMT) e tumbling.

"Para facer o campionato tivemos que facer un esforzo importante", sinalou na presentación do evento a recentemente designada concelleira de Deportes, Anabel Gulías, acompañada do presidente do Club Treboada, Carmelo Vázquez, e unha representante da Federación Española de Ximnasia, Covadonga Menéndez.

Ese esforzo ten que ver coa loxística necesaria para poder acollelo, coa instalación de bancadas no Recinto Feiral así como a colocación de 4 camas elásticas, 2 dobre minitramp e unha pista de trampolín, ao que se suma na zona de quecemento.

En canto á actividade, este mércores 21 de xuño comezará cos adestramentos oficiais e as primeiras competicións de base, que continuarán o xoves.

Xa o venres estrearanse a deportistas elite, con finais individuais e de clubs durante o sábado e domingo e un prato forte, a modalidade olímpica de trampolín na que boa parte das miradas estarán fixadas nunha deportista local como gran favorita ao título, Melania Rodríguez.

En relación á presenza local, con deportistas que adestran en moitos casos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva "estamos contentos pola cantidade de deportistas galegos na competición, con 60 na base e ata 74 no campinato de España absoluto", sinalou Gulías.