A ximnasia acrobática toma a remuda no Municipal con máis de 900 participantes en tres campionatos

Pontevedra
27 de xuño 2023

Entre o 28 de xuño e o 2 de xullo celébrase en Pontevedra os campionatos de España de ximnasia acrobática, de base e o Open Internacional Treboada

Presentación dos campionatos de España de ximnasia acrobática no Concello de Pontevedra
Presentación dos campionatos de España de ximnasia acrobática no Concello de Pontevedra

Pontevedra seguirá sendo unha semana máis capital nacional da ximnasia. Tras a conclusión dos nacionais de trampolín e tumbling, o Pavillón Municipal xa está preparado para albergar os campionatos de España de base, de ximnasia acrobática e o Open Internacional Treboada. Tres eventos que reunirán na Boa Vila a máis de 900 ximnastas de todas as idades entre o 28 de xuño e o 2 de xullo. 

A concelleira de Deportes do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, foi a encargada de presentar este martes as tres competicións acompañada polo presidente do Club Treboada, Carmelo Vázquez; a secretaria técnica de ximnasia acrobática da federación española, Covadonga Menéndez; e o presidente da Federación Galega de Ximnasia Acrobática, Manolo Estévez.

"Durante quince días Pontevedra está a ser a capital dá ximnasia. É un orgullo tremendo", comezou a concelleira a súa intervención facendo un chamamento á cidadanía para acudir a presenciar un evento que destaca pola súa espectacularidade. "Organizar este tipo de eventos é importante polos beneficios económicos e sociais, así como pola posta en valor deste tipo de prácticas deportivas", engadiu a nacionalista.

De explicar os pormenores do evento encargouse Covadonga Menéndez ao sinalar que participarán deportistas desde categoría alevín a sénior en rutinas de dúos, tríos ou grupos. Ademais, este tipo de deporte só se practíca en España en cinco comunidades autónomas: Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía, Canarias e Galicia. A delegación galega está composta para estes campionatos duns 155 participantes.

Ademais de equipos do territorio estatal, participará tamén un dos clubs máis importantes desta disciplina procedente de Portugal. 

Pola súa banda, o presidente autonómico destacou o esforzo da organización á hora de montar unhas estruturas "moi caras" e de difícil ensamblaxe nun tempo récord. Tamén o presidente do club organizador animou á asistencia ao tratarse de unha competición "moi bonita".