O triunfo do Pontevedra contra o Villarreal na Copa do Rei desatou a alegría e as celebracións no Estadio Municipal de Pasarón.
Primeiro sobre o céspede, cos afeccionados que se resistían a marchar do estadio, e despois no vestiario, onde os xogadores celebraron ao grande a fazaña.
Un deles, o capitán Álex González, resumiu o sentir dos seus compañeiros comparecendo en sala de prensa.
"Eu levo aquí 9 anos e é unha das noites máis bonitas que se viviu aquí en moito tempo. Creo que para o club, para a afección, para a xente é unha alegría moi grande e un premio moi grande", afirmou o 7 granate.
"Tiñamos esperanza de pasar. Obviamente tes que estar ao 120 % e facer todo perfecto para levar este partido, pero creo que o equipo o fixo, demostrouno", defendeu Álex.
"Para nós é un premio ternos clasificado e pasar de rolda, creo que o equipo que veña ímolo a gozar", sinalou tamén en relación ao sorteo do próximo luns 9 de decembro.
Un momento para celebrar pero sen perder de vista o foco, porque "a partir de mañá, pesando xa no partido de Laredo", xa que "o noso obxectivo é ascender de categoría", e nese encontro xogaranse "seguir mantendo o liderado".
O futbolista granate cre iso si que o triunfo ante un Primeira División "refórzanos un pouco a idea de xogo que temos, o plantexamento que temos".