O Pontevedra, de volta en 'La Quiniela'

Pontevedra
24 de marzo 2026

Ante o parón da Primeira División polos partidos das seleccións nacionais, o sorteo de La Quiniela incluíu no seu boleto desta semana o encontro do Pontevedra fronte ao Zamora

O Zamora-Pontevedra, protagonista en La Quiniela

Lonxe quedan os anos nos que o Pontevedra Club de Fútbol, a medias entre a Primeira e a Segunda División, era un habitual nos boletos do popular sorteo de 'La Quiniela'.

A historia dos granates con este xogo de azar depara algunha anécdota que chegou a acaparar todos os focos, como cando en 1968 o equipo do 'Hai que Roelo' pechaba unha xornada de liga en Zaragoza cun dos seus xogadores, Batalla, como protagonista.

O defensor contaba con 13 acertos (non existía aínda o pleno ao 15) e marcara cunha 'X' o partido entre maños e pontevedreses.

O resultado acabou sendo de 2-2 e o xogador granate levou un bo pico do sorteo, xerando debate pero sen sospeitas de amaños como os que moitos anos despois chegaron a prohibir as apostas entre os deportistas e os seus achegados.

Na actualidade, afastados do fútbol profesional, os pontevedreses non están xa afeitos ver ao seu equipo en 'La Quiniela' e prognosticar os seus resultados cun 1-X-2. Até esta semana.

Ante o parón da Primeira División polos partidos das seleccións nacionais, Lotarías y Apuestas del Estado incluíu no seu boleto desta semana o encontro entre Zamora e Pontevedra, do próximo sábado 28 de marzo (16.15 horas) no Estadio Ruta de la Plata.

O boleto está conformado por dez dos partidos da xornada de Segunda División (queda excluído o Córdoba-Mirandés previsto para o venres) xunto a cinco encontros de Primeira RFEF.

Ademais do Zamora-Pontevedra estes choques son o Mérida-Racing de Ferrol, o Ourense CF-Ponferradina, o Ibiza-Alcorcón e o Hércules-Marbella.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora