A nove xornadas para o final da liga regular (dez para o Pontevedra co duelo aprazado en Getxo), cada pequeno detalle conta, como o apoio nas bancadas, para agarrarse ao soño de loitar por un posto no play-off de ascenso.
Por iso que a afección granate prepárase para un novo 'on tour', con desprazamento importante a Zamora (sábado 28 de marzo, 16.15 horas) para apoiar os seus nun encontro entre dous dos equipos que pelexan actualmente por entrar na fase de ascenso.
O inicio da Semana Santa e a relativa proximidade coa Boa Vila convida a pensar na mobilización da 'Marea Granate'.
Para tentar fomentalo e colaborar niso, o propio Pontevedra anunciou este luns a organización dunha viaxe en autocar para os afeccionados que o desexen.
Ese autobús ten previsto partir o propio sábado ás 8.00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar á conclusión do duelo.
Será a "primeira das 10 finais para seguir soñando", asegura o Pontevedra, que fixou en 45 euros o custo do desprazamento coa entrada incluída, 35 euros no caso dos menores de 14 anos, sendo posible anotarse nas oficinas de Pasarón.
𝑶𝑵 𝑻𝑶𝑼𝑹 | Primeira das 10 finais para seguir soñando 💭♥️
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) March 23, 2026
Viaxa con nós a Zamora para facer do Ruta de la Plata un mini Pasarón 🏟️🚌
🏷️ Viaxe + entrada 45€ (35€ menores de 14 anos) #𝐆𝐑𝐀𝐍𝐀𝐓𝐄 ♥️#PrimeraFederacion | #VersusELearning pic.twitter.com/9z0PZOVXzU
Non será en todo caso a única vía de desprazamento, xa que é posible adquirir entradas soltas a través da web oficial do Zamora CF, a un prezo de 15 euros para a afección visitante, 5 euros en categoría infantil.
Especifica o club castelán-leonés que os seguidores do Pontevedra serán situados no Fondo Sur de Estadio Ruta de la Plata (sectores 1 ao 4).
O Zamora habilitou ademais unha promoción especial para os seus afeccionados na busca de lograr un maior ambiente ao seu favor, ofrecendo un 2x1 en entradas contando co seu seguinte choque na casa fronte a Unionistas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.