Unha igualdade difícil de crer. A pelexa por facerse cunha das prazas que dá dereito a xogar o play-off de ascenso a Segunda División converteuse nunha auténtica tolemia.
Xornada tras xornada a igualdade segue a ser máxima na Primeira RFEF, unha liga na que cada empate conta. Así o está a demostrar ultimamente a traxectoria dun Pontevedra que se agarra ás súas opcións de soñar co play-off.
E é que os granates, a pesar de encadear seis xornadas consecutivas sen gañar (5 empates e unha derrota), seguen ocupando posto de fase de ascenso. Todo iso sumando por medio o adiamento do seu partido contra o Arenas de Getxo a domicilio, un duelo que de conseguir vencer disparía as súas opcións.
A clasificación avanza unha pugna titánica para a recta final de campionato. Tenerife (63 puntos) e Celta Fortuna (51) destacáronse na cabeza, pero tras eles até nove equipos están separados por un só partido de distancia, en tres puntos, entre a terceira e a undécima posición.
Son os equipos que se disputarán o terceiro, cuarto e quinto posto que dará dereito a pelexar polo ascenso de categoría.
Agora mesmo o Bilbao Athletic é terceiro con 44 puntos, os mesmos que Barakaldo e cun máis que o Pontevedra (43) que pecha desde o quinto posto a zona de play-off grazas á súa mellor diferenza global de goles (+12).
Cos mesmos 43 puntos séguenlle Ponferradina, Zamora e Real Madrid Castilla, con 42 puntos están Lugo e Racing de Ferrol e con 41 na undécima posición aparece o Mérida.
📈 ¡Así queda el 𝗚𝗥𝗨𝗣𝗢 𝟭 tras la disputa de la 𝗷𝗼𝗿𝗻𝗮𝗱𝗮 𝟮𝟵 a falta de que se dispute el partido restante!#PrimeraFederación | #VersusELearning pic.twitter.com/p9WepRLNDI
— Primera Federación Versus e-Learning (@Primera_RFEF) March 22, 2026
Nesta situación, o Pontevedra afronta agora tres semanas que poden resultar decisivas, enfrontándose a tres dos quipos metidos na pugna pola fase de ascenso ademais de ter que recuperar a xornada perdida contra o Arenas.
Os granates visitarán primeiro ao Zamora (7º) este sábado 28 de marzo, e recibirán en Pasarón o Barakaldo (4º) o sábado 4 de abril e á Ponferradina (6º) o domingo 12 de abril. Por medio, o mércores día 8 xogará o duelo aprazado en Getxo contra o Arenas (13º).
Iso si, non serán os únicos duelos directos das próximas semanas, xa que con semellante igualdade os aspirantes ao play-off iranse vendo cara a cara en cada xornada até o final de liga.
Sen ir máis lonxe a próxima fin de semana producirase tamén un Barakaldo-Real Madrid Castilla e un Mérida-Racing de Ferrol.