O pontevedrés Álex Andión queda a un paso de revalidar título na Nordic League de waterpolo

Pontevedra
04 de xuño 2025
Actualizado: 06 de xuño

O Tenerife Echeyde no que compite o pontevedrés perdeu na final do prestixioso torneo internacional fronte ao Galatasaray turco

Álex Andión, coa medalla de prata da Nordic League de Waterpolo
Álex Andión, coa medalla de prata da Nordic League de Waterpolo / CW Pontevedra

Pasan as tempadas e o pontevedrés Álex Andión segue a ampliar a súa colección de medallas no waterpolo nacional e internacional.

Co Club Waterpolo Tenerife Echeyde, Andión quedou a un paso de revalidar o título da prestixiosa Nordic League de waterpolo, torneo internacional no que participan clubs de toda Europa e que xa levantou a pasada tempada.

O pontevedrés xa foi no seu momento subcampión da Copa do Rei e a Supercopa de España, e tamén o primeiro galego en gañar un título internacional como a LEN Eurocap co CN Sabadell

Nesta ocasión o Tenerife atopouse na final da Nordic League a todo un coloso, o Galatasaray turco.

Pese ao apoio do público, ao disputarse a final a oito na piscina Acidalio Lorenzo de Santa Cruz de Tenerife, o resultado da final foi de 17 goles a 20.

Andión axudou o seu equipo con dous dos goles.

Un reflexo do nivel deste campionato reflícteo tamén o duelo polo bronce, que venceu o White Sharks Hannover 12-9 fronte ao potente Zaibas lituano.

O Rapid de Bucarest, o Rari Nantes Sori italiano, o Neukölln Berlin e o ZV De Ham foron os outros equipos presentes na fase final.