O xuvenil pontevedrés Anxo Rodríguez, xogador do Celta Fortuna, foi convocado por primeira vez coa selección española sub-19.
Despois de debutar o pasado curso co filial celeste, esta campaña supuxo a súa consolidación como un dos alicerces do equipo dirixido por Fredi Álvarez en Primeira Federación.
O canteirán foi titular en 17 dos 18 partidos disputados (perdeuse un por sanción), completando 13 deles, e converteuse no segundo xogador de campo con máis minutos do conxunto vigués, só por detrás de Pablo Meixús.
A súa regularidade, solidez defensiva e madurez táctica permitiron ao novo futbolista dar un paso adiante na súa evolución, asinando ademais o seu primeiro gol coa Celta Fortuna ante o Osasuna Promesas.
O seu rendemento non pasou desapercibido na Real Federación Española de Fútbol, que incluíu a Anxo na convocatoria do combinado nacional sub-19 para o amigable que medirá a España con Italia o vindeiro mércores 14 de xaneiro no complexo da FIGC en Coverciano ás 14:00 horas.
Trátase dunha cita importante para o equipo dirixido por Paco Gallardo que se atopa inmerso na loita por clasificarse para o Campionato de Europa sub-19 de 2026 que se celebrará en País de Gales entre o 28 de xuño e o 11 de xullo.