O atletismo da Boa Vila está de celebración tras o exitoso Campionato de España Sub-23 en aire libre celebrado esta fin de semana en Cáceres.
E é que un deportista da cidade do Lérez como é David Vicente, que compite agora coas cores do Atletismo Albacete, asinou unha extraordinaria actuación en 110 metros obstáculos que o levou a proclamarse campión de España.
Logrouno cunha marca de 14,19 segundos nunha final na que se impuxo ao deportista do Club Playas Castellón Daniel Sebastián, segundo clasificado; e a David Pérez Orozco, do Club Municipal Arganda, que foi terceiro.
Á vitoria de David Vicente hai que sumar un gran éxito para a Sociedad Gimnástica Pontevedra xa que unha das súas atletas, a lucense Lucía Sánchez del Valle, conquistou a prata en Heptatlón.

Lucía firmou unha gran actuación tras dominar en 100 metros obstáculos, salto de lonxitude e 800 metros lisos. Tamén foi segunda en altura e cultivou bos resultados no resto de probas desta modalidade.
Todo iso levouna a ser segunda na clasificación final moi preto da gañadora, a madrileña Irene Bravo.
Non foi a única representante do club da Boa Vila, pois outro atleta da Gimnástica como Yannik Vila foise da competición cun quinto posto e unha mellor marca persoal en salto de altura (2,06).
Completaron a representación do club atletas como Pepe Sánchez del Valle, 18º no 1500, ou Pablo Ulla, 28º na mesma proba que o seu compañeiro.
Continúan os retos para a Gimnástica, que se citará este mesmo venres para celebrar a última competición do Circuíto de Atletismo en Pista 2026 co Trofeo Virxe Peregrina. En clave nacional, Guille Piñeiro e Alejandro Santos competirán esta semana en Rieri (Italia) no Campionato de Europa Sub-18.
A propia Lucía Sánchez del Valle tamén entrará en acción a final de mes no Campionato de España Absoluto que se celebrará en Málaga entre o 24 e o 26 de xullo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.